A Xunta pon en valor a contribución do escritor arxentino Francisco Luis Bernárdez á cultura galega

A Consellería apoiará en 2015 unha monografía sobre o escritor e xornalista, con textos en galego e sobre Galicia da súa autoría
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística participaron esta tarde en Ourense na conferencia que Antonio Requeni ofreceu sobre o autor
Mar, 28/10/2014 - 20:30
•Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística participaron esta ta
•Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística participaron esta tarde en Ourense na conferencia que Antonio Requeni ofreceu sobre o autor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará a difusión da figura e da obra de Francisco Luis Bernárdez para dar a coñecer a súa contribución á cultura galega. Con este obxectivo, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad colaborará coa Deputación Provincial de Ourense na publicación, en 2015, dunha monografía sobre o xornalista, que incluirá unha selección de textos en galego e sobre Galicia da súa autoría.

Así o anunciou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco da conferencia ‘Francisco Luis Bernárdez: gran poeta arxentino, ourensán e galeguista’, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

“Un galego de corazón e de elección”

Nun acto no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o titular de Cultura afirmou que Bernárdez “precisa dun redescubrimento desde a Galicia actual, porque foi un galego de corazón e de elección, e porque coñeceu a situación de Galicia e foi un galeguista convencido, que defendeu a lingua e a cultura de Galicia como parte referencial da nosa identidade como pobo”.

Tamén incidiu na necesidade de afondar na súa figura porque “forma parte da historia cultural de Galicia do século XX”, ao fío do que destacou a súa vinculación con autores como Cabanillas, Valle-Inclán ou Pimentel, así como a súa participación en tertulias con Rafael Dieste, Maside, Amado Carballo e Roberto Blanco Torres, entre outros. 

Pola súa banda, García Gómez destacou "a figura e o labor de Francisco Luís Bernárdez a prol da proxección exterior da lingua galega, como expoñente da potencialidade que supoñen as comunidades emigrantes no exterior canto á defensa e á visibilidade do idioma propio de Galicia fóra das nosas fronteiras". O responsable de Política Lingüística recordou que o “Discurso encol do idioma galego de Bernárdez tivo grande repercusión, tanto na colectividade galega coma na intelectualidade arxentina, e supuxo todo un fito como alegato en defensa do idioma e exaltación da cultura galega, por poñer de manifesto a contribución do pobo galego á cultura hispánica". 

A conferencia, promovida pola Deputación de Ourense, a Fundación Insua dos Poetas e o Foro a Torre de Maside, correu a cargo do numerario da Academia Argentina de LetrasAntonio Requeni, “escritor e xornalista cunha estreita relación coa colectividade galega de Arxentina”, explicou Anxo Lorenzo. “Requeni –engadiu– é un gran coñecedor da literatura galega e podemos consideralo como un embaixador da nosa cultura en Bos Aires”. 

Francisco Luis Bernárdez

Con 20 anos, o xornalista, escritor e diplomático arxentino (Bos Aires, 1900-1978) viaxou a Ourense para se establecer no concello de Maside, de onde eran orixinarios os seus avós paternos. Durante os catros anos nos que vive de xeito ininterrompido en Galicia, Bernárdez traballa como xornalista en ‘El Pueblo Gallego’ de Vigo, ademais de colaborar en varias revistas e xornais galgos, e de publicar poemas e artigos e lingua galega.

Vinculación con destacados galeguistas

Neste período relaciónase con destacados intelectuais galeguistas, como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao etc., ao tempo que se integra no ideario galeguista. Xa de regreso en Arxentina, destaca como xornalista en ‘La Nación’ de Bos Aires, onde coincide con Eduardo Blanco Amor.

No ano 1944, Bernárdez é nomeado director xeral de Cultura do Goberno da Nación. Académico en 1950, foi incorporado en 1955 ao Servizo Diplomático. O seu primeiro destino foi como Embaixador en Madrid ata 1960 e alí volverá entrar en contacto con intelectuais galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Fernández de la Vega, entre outros, impulsores de Galaxia, empresa na que o escritor arxentino colaborará decididamente.

A súa defensa da lingua galega quedou reflectida en escritos como o seu "Discurso encol do idioma galego", publicado en Bos Aires, en galego, en 1965. En 2010, o Concello de Maside declarouno Fillo Adoptivo.

Menús News node R