A Rede de Bibliotecas de Galicia integra oito novas bibliotecas e axencias de lectura

A última incorporación é a da Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo, á que Cultura e Educación destinou un fondo bibliográfico fundacional de 1.500 libros

O secretario xeral de Cultura participará esta tarde no acto de inauguración da biblioteca, que abrirá as súas portas o vindeiro luns 27 de outubro

No que vai de ano tamén se integraron na rede a biblioteca da Real Academia Galega, a axencia de lectura da Baña, e as bibliotecas públicas municipais de Pantón, da Silva de Cerceda, das Pontes de García Rodríguez, do Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela e a Ágora da Coruña

Ven, 24/10/2014 - 18:15
A Rede de Bibliotecas de Galicia integra oito novas bibliotecas e axencias de le
A Rede de Bibliotecas de Galicia integra oito novas bibliotecas e axencias de lectura

A Rede de Bibliotecas de Galicia conta con oito novas bibliotecas e axencias de lectura, que se integraron ao sistema bibliotecario ao longo deste ano. A última incorporación é a da Biblioteca Municipal Rego da Balsa do municipio coruñés de Carballo, que abrirá as súas portas o vindeiro luns 27 de outubro.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará esta tarde, coincidindo co Día Internacional das Bibliotecas, no acto de inauguración da biblioteca, á que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotou cun fondo bibliográfico fundacional de 1.500 libros, ademais de proporcionarlle o sistema de xestión bibliotecaria.

Xunto coa Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo, ao longo deste ano tamén se integraron na Rede de Bibliotecas de Galicia a axencia de lectura da Baña, as bibliotecas municipais de Pantón, da Silva de Cerceda, das Pontes de García Rodríguez, Ágora da Coruña e do Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago de Compostela, así como a biblioteca da Real Academia Galega, que tamén foi recoñecida, por Orde do 7 de febreiro de 2014, como biblioteca de especial interese para Galicia.

Co fin de materializar a integración destes centros no sistema bibliotecario galego, a Consellería de Cultura e Educación asinou este ano cadanseu convenio cos respectivos concellos, así como coa Real Academia Galega.

Novos servizos

A Rede de Bibliotecas de Galicia compóñena bibliotecas de ti­tularidade pública, estatal, autonómica ou local, así como de titularida­de privada, situadas dentro do territorio de Galicia. Para ampliar e reforzar a calidade dos servizos que lle ofrece á cidadanía, Cultura e Educación acaba de poñer en marcha a plataforma  en liña GaliciaLe, que lles ofrece aos usuarios e usuarias das bibliotecas máis de 1.700 títulos de libros electrónicos, para o seu préstamo gratuíto a través do portal www.galiciale.es. O catálogo inclúe libros e audiolibros en galego e en castelán, cun total de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.200 descargas.

Co obxectivo tamén de mellorar as coleccións da Rede de Bibliotecas de Galicia a través da dotación de novos fondos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez convocou o pasado 7 de outubro unha liña de subvencións plurianual dotada con 160.000 euros, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro 3 de novembro. As axudas subvencionan os gastos das bibliotecas e axencias de lecturas municipais na adquisición de libros, de material sonoro e audiovisual, así como de recursos electrónicos, partituras e material cartográfico.

Coleccións dinámicas

Con estas axudas, que se complementan co programa de adquisicións editoriais centradas no libro galego, a Consellería de Cultura e Educación contribúe a facer das coleccións bibliotecarias un recurso dinámico, enriquecido anualmente coa chegada de materiais novos para satisfacer as demandas xerais dos usuarios e usuarias.

Menús News node R

Tema