A Consellería de Cultura e Educación colabora cun documental sobre a historia do teatro galego dirixido por Iago Vázquez

O secretario xeral de Cultura asistiu hoxe á estrea na Coruña do traballo ‘O que hai que facer para non ir ao mar! Unha viaxe a través do teatro galego’
A peza poderá verse en varias salas de Galicia a partir do 30 de outubro
Xov, 23/10/2014 - 21:30
A Consellería de Cultura e Educación
A Consellería de Cultura e Educación colabora cun documental sobre a historia do teatro galego dirixido por Iago Vázquez

A historia do teatro galego na segunda metade do século XX centra a longametraxe documental ‘O que hai que facer para ir ao mar!’, un traballo de Iago Vázquez que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a cuxa estrea acudiu esta noite o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A través da vida de dous actores xa falecidos que tiveron unha importante relevancia no ámbito teatral en Galicia, Tuto Vázquez e María José Mosteiro, pais de Iago Vázquez Mosteiro, a peza documental conta a traxectoria do teatro galego. Faino a través dos encontros que a actriz e irmá do director, Uxía Vázquez, mantén cos compañeiros de profesión dos seus pais.

Agustín Vega, Xosé Vilarelle, Amparo Gómez,Elina Luaces, Luísa Merelas, Amalia  Gómez, Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Miguel Pernas, Eduardo Alonso, Lino Braxe e Xulio Lago son algunhas das destacadas figuras da escena galega que participaron neste proxecto. 

Próximas proxeccións

Logo da súa estrea na Coruña, a cinta  poderá verse  tamén en  varias  salas  de Galicia. As primeiras sesións serán o 30 e 31 de outubro, e o 1 de novembro no Fórum  Metropolitano da Coruña. A seguinte parada será no auditorio de Ribeira, os días 15 de novembro, ás 21:30 horas, para o público en xeral, e o 20 dese mes, ás 11 horas, para alumnos e alumnas dos centros educativos do concello.

Ademais, o proxecto compleméntase cunha exposición fotográfica itinerante, con imaxes inéditas sobre a historia do teatro galego. Desde o 25 de outubro ata o 7 de novembro a mostra poderá visitarse na tenda-galería Faiado, en Ribeira.

O documental rodouse logo de acadar o financiamento necesario a través dunha   campaña de crowdfunding ou micromecenado con achegas particulares. Ademais da colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o proxecto tamén contou co apoio doutras institucións e entidades como o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, a Escola de Imaxe e Son da Coruña e Tórculo Artes Gráficas, entre outras.