Cultura e Educación convida a celebrar o Día Internacional das Bibliotecas cunha ampla oferta de actividades en toda Galicia

Contacontos, sorteos e liberación de libros, proxeccións, obradoiros e visitas guiadas son algunhas das propostas da Biblioteca de Galicia e das nodais de Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e A Coruña para conmemorar o 24 de outubro

A Consellería tamén promove novos recursos en liña, con visitas virtuais ás nodais e á Biblioteca de Galicia, así como ás súas exposicións

Desde o 20 de outubro está dispoñible o novo servizo para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas, GaliciaLe, con máis de 1.700 títulos

Xov, 23/10/2014 - 12:17
Cultura e Educación convida a celebrar o Día Internacional das Bibliotecas cunha
Cultura e Educación convida a celebrar o Día Internacional das Bibliotecas cunha ampla oferta de actividades en toda Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a celebrar o Día Internacional das Bibliotecas cunha ampla oferta de actividades nas catro provincias galegas, organizadas a través dos centros nodais da Rede de Bibliotecas de Galicia. Para festexar o 24 de outubro, as bibliotecas públicas González Garcés da Coruña, Juan Compañel de Vigo, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago de Compostela e as nodais de Lugo e de Ourense organizan durante todo o día actividades dirixidas a grandes e pequenos, que se prolongarán durante a fin de semana.

Novos recursos en liña

Exposicións bibliográficas, obradoiros de cómic e de curtametraxes, visitas guiadas, liberacións de libros e proxeccións son algunhas das propostas que promove Cultura e Educación para conmemorar esta data. Ademais, para reforzar os servizos bibliotecarios, a Consellería tamén está a traballar en novos recursos en liña que lle permitirán á cidadanía percorrer as bibliotecas nodais e a Biblioteca de Galicia a través de visitas virtuais. Esta nova ferramenta, que estará accesible nos próximos días a través do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia, tamén facilitará a visita en liña ás exposicións destes centros, así como información sobre os servizos que ofrecen. 

Un dos novos servizos postos en marcha pola Consellería na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia é GaliciaLe, unha plataforma en liña que desde o pasado 20 de outubro pon ao dispor dos usuarios e usuarias das bibliotecas públicas máis de 1.700 títulos de libros electrónicos, para o seu préstamo de xeito gratuíto a través do portal www.galiciale.es. O catálogo inclúe libros e audiolibros en galego e en castelán, cun total de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.200 descargas.

Obradoiros de cómic e curtametraxes

Na programación de actividades con motivo do Día das Bibliotecas os obradoiros serán protagonistas con actividades como ‘Coñecendo outras culturas’, que organiza a Biblioteca de Galicia o domingo 26 de 11:30 a 14 horas. Nela, os  nenos e nenas de 6 a 12 anos terán ocasión de achegarse á lectura da man dunha mascota. Ela será quen guíe os participantes por unha intrincada aventura na busca de pistas, que dará lugar a unha lectura conxunta e un posterior obradoiro no que compartir as descubertas realizadas.

‘Recreamos a historia do libro con realidade aumentada’ é outros dos obradoiros da programación, no que os participantes escribirán de forma colaborativa unha historia sobre a evolución do libro e o seu contexto, para posteriormente recreala empregando a tecnoloxía da realidade aumentada. O obradoiro desenvolverase mañá ás 18:30 horas na biblioteca Ánxel Casal e nel poderán participar rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, previa inscrición no teléfono 881 999 401 ou na propia biblioteca.

A biblioteca nodal de Lugo acollerá mañá, ás 18 horas, a última sesión do obradoiro ‘Libros. Imaxes. Curtametraxes’, organizado por Xes Chapela no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito. Os rapaces e rapazas a partir de 12 anos descobren neste taller creativo as ferramentas para a produción de curtametraxes a partir de textos da biblioteca.

Tamén haberá obradoiros de iniciación a internet e ás redes sociais, como o que organiza o venres 24, ás 10 horas, a nodal de Ourense, previa inscrición no teléfono 988 210 700. A biblioteca da cidade das burgas tamén acollerá, o sábado 25, ás 11:30 horas, un obradoiro de cómic para rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, con inscrición previa,

O sábado 25, ás 12 horas, o obradoiro ‘Trick or treat’ achegaralles Halloween aos máis pequenos na Juan Compañel de Vigo. Neste taller, os nenos e nenas a partir de 3 anos terán ocasión de teatralizar un conto, realizar un crebacabezas con disfraces, darlle renda solta á súa creatividade mediante o debuxo e xogar a través das adiviñanzas.

A biblioteca da cidade da oliveira tamén será o escenario, o venres 24, ás 18:30 horas, do espectáculo ‘Merenda con pan de millo’, de Migallas Teatro, unha actividade do programa Ler conta moito na que se combinan cancións e narración oral baixo o fío condutor do proceso de elaboración do pan de millo.

Os contacontos tampouco faltarán na nodal de Ourense. A biblioteca convida os rapaces e rapazas de 3 a 7 anos a gozar do libro e da lectura coa actividade ‘Un conto da Antártida’, que terá lugar ás 18:30 horas e será de acceso libre, ata completar o aforo, mentres que a biblioteca nodal de Lugo programa ás 18 horas o contacontos ‘O novo home do saco’, dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos, previa inscrición no teléfono 982 228 525. Á mesma hora, a biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra organizará a actividade ‘Contos nas orellas’.

Os libros saen ás rúas

Os libros tamén sairán ás rúas para celebrar o Día Internacional das Bibliotecas. Na capital de Galicia, a Ánxel Casal promove unha campaña de liberación de libros por diferentes espazos da biblioteca e diversas zonas de Santiago de Compostela para que as persoas interesadas os poidan ler e volvan despois deixalos nalgún lugar para que outra persoa goce coa súa lectura. Ademais, a nodal de Ourense difundirá os servizos da biblioteca en dous postos situados na rúa do Paseo e no centro comercial Pontevella.

Agasallos para os “superlectores”

Para premiar os lectores infantís e adultos máis activos, a biblioteca Ánxel Casal faralles entrega dun lote de libros aos seus “superlectores”, mentres que a nodal de Ourense sorteará tres lotes de libros entres os participantes na enquisa sobre a biblioteca ‘Danos a túa opinión e participa’. A biblioteca nodal de Pontevedra tamén agasallará os seus usuarios con marcapáxinas conmemorativos do Día Internacional das Bibliotecas.

A imaxe tamén será protagonista

O Día das Bibliotecas tamén contará con propostas audiovisuais, como a proxección especial que realizará o Cineclub Padre Feijoo na nodal de Ourense. Os que se acheguen á biblioteca o venres 24, ás 18 horas, poderán gozar da obra ‘En busca da memoria. Eric Kandel, Nobel de Medicina 2000’.

E para fomentar a lectura mediante a imaxe como estímulo visual para descubrir o seu atractivo en calquera lugar e momento, a Ánxel Casal convoca o III Curso de Fotografía Lendo en Compostela, no que as persoas interesadas poderán participar desde o propio día 24 de outubro ata o 12 de decembro. As bases están dispoñibles na propia biblioteca, no seu facebook e na súa páxina web.

Xornada de portas abertas

Para que a cidadanía poida coñecer mellor as bibliotecas e os servizos que ofrecen, os centros nodais tamén organizan mañá xornadas de portas abertas. A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, organiza mañá unha visita guiada ás 12 horas. A biblioteca de Lugo ofrece visitas guiadas ás 12 e ás 19 horas, mentres que a Juan Compañel de Vigo as organiza ás 12:30 e ás 18 horas. As visitas na Ánxel Casal serán ás 12 e ás 16 horas.

Voluntariado Cultural

Ademais, a biblioteca compostelá, no marco do programa Voluntariado Cultural, organiza a actividade ‘Queres ser axudante da nosa biblioteca’, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos, que se desenvolverá de 17:30 a 18:30 horas. Nela poderán participar, previa inscrición, aqueles rapaces que queiran coñecer o labor que se desenvolve no centro, así como os traballos que fan que un libro chegue finalmente a disposición do público.

A programación de actividades complétase con dúas mostras: a da Ánxel Casal, que conta coa exposición ‘A Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, 1955-2014’, na que se fai un percorrido pola historia da biblioteca desde a súa creación ata a actualidade, e o centro de interese ‘Érase unha vez a biblioteca’, na que a Antonio Odriozola de Pontevedra ofrece unha selección de títulos de literatura infantil relacionados co libro, a lectura e as bibliotecas.

Menús News node R

Tema