Cultura e Educación entrega os galardóns do certame de pintura e poesía ‘Cores con palabras’

A Consellería apoiou esta iniciativa posta en marcha polo Centro de Animación e Artes Plásticas Puri Togariños
Participou no acto o secretario xeral de Política Lingüística
Ven, 10/10/2014 - 21:13
Cultura e Educación entrega os galardóns do certame de pintura e poesía ‘Cores c
Cultura e Educación entrega os galardóns do certame de pintura e poesía ‘Cores con palabras’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de entrega de premios do certame “Cores con Palabras”, unha iniciativa organizada polo Centro de Animación e Artes Plásticas Togariños que contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

García Gómez salientou durante a súa intervención a “importancia da iniciativa na posta en valor da lingua como vehículo da expresión artística e cultural dos e das galegas”. “A palabra e a pintura son, en maior ou menor medida, construtoras de historias, imaxes da nosa realidade e metas das inclinacións da nosa imaxinación”, dixo o secretario xeral, que finalizou gabando a abondosa acollida de participación do certame.

No acto tamén participaron Ana Isabel Vázquez, deputada provincial; Paloma Vela, responsable do Centro Social Afundación de Pontevedra; Rosal Elvira Caamaño, profesora titular de técnicas pictóricas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e Puri Togariños, pintora e coordinadora da iniciativa.

Certame poético-pictórico e galardóns

Conforme o establecido nas bases, os autores e autoras dos traballos gañadores fixéronse cunha placa conmemorativa da exposición e mais cun diploma acreditativo, que lles foron entregados a tres dos participantes. O xurado cualificador tamén considerou merecente de distinción especial ao traballo “A revista”, realizado colectivamente por participantes no programa de Arteterapia do Concello da Estrada.

Na categoría pictórica recibiron os premios Puri G. Galiñanes, coa obra “Fraxilidade”; Cristina Carou, pola obra “Cores con vida”; e Carmen Calviño, pola obra “No xardín”; mentres que na categoría poética o fixeron Tiffanys Esmeralda, polo traballo “Poema á pintura”; Revellín, polo traballo “Escoito” e Mariela do Mar, polo traballo “Ceibos de Sabucedo”.

Aos premios concorreron preto de 150 traballos artísticos baixo as modalidades de Poesía e Pintura, da autoría de persoas maiores de 55 anos e menores de 13, respectivamente. Os 40 traballos finalistas integraron a mostra que, baixo o mesmo nome, se puido visitar ata hoxe no Centro Social Afundación de Pontevedra.

40 obras finalistas expostas

“Cores con Palabras” é tamén o nome da mostra que o Centro de Animación e Artes Plásticas Togariños e a Consellería de Cultura e Educación impulsaron coa finalidade de complementar o certame e de dar a coñecer os mellores traballos presentados. As pezas tamén se incluíron, acompañadas de poemas, no catálogo divulgativo distribuído con motivo desta mostra.

Menús News node R