O conselleiro de Educación supervisou as obras de mellora no IES Río Cabe, en Monforte de Lemos, Lugo

A Consellería de Educación está a investir máis de 676.000 euros nestas obras

Ven, 27/08/2010 - 13:25
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visit
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Río Cabe

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Río cabe, en Monforte de Lemos (Lugo), onde supervisou o avance dos traballos de mellora que se están a desenvolver no centro. A Consellería está a investir máis de 676.000 euros en obras e equipamento do instituto monfortino, para que a comunidade educativa deste centro poida comezar o novo curso nunhas instalacións da maior calidade.

Deste xeito, a partires de setembro o IES Río Cabe contará cunha renovada iluminación e instalación eléctrica. Ademais, os traballos afectan tamén aos falsos teitos, pintura e remodelación dos aseos do centro. Vázquez Abad amosouse satisfeito pola boa marcha coa que se están a executar as obras, polo que – dixo- “agardamos que as 410 alumnas e alumnos do instituto, así como os docentes e o resto das persoas que participan da vida cotiá do centro poidan comezar a utilizar estas melloradas dependencias a partires de setembro”.

Implantación do ABALAR

Por outra banda, o conselleiro de Educación destacou a modernización da infraestrutura eléctrica neste centro, grazas á cal vai ser un dos primeiros institutos que comecen a aplicar o vindeiro curso o Proxecto ABALAR. Así, en virtude desta iniciativa, ata 90 alumnas e alumnos de 1º da ESO do Río Cabe poderán contar con cadanseu ordenador ultraportátil, así como cun encerado dixital na aula.

Durante o seu percorrido polo instituto, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; a delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias; o xefe territorial de Educación na provincia de Lugo, José Jesús Ramos Ledo; e o director do centro, Xesús Verao Pérez; entre outros.

Con todas estas actuacións o actual goberno galego cumpre co seu compromiso coa comunidade educativa, dotando aos centros de ensinanza das mellores instalacións e equipamentos adaptados ás esixencias das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Así, este investimento dá mostra dos esforzos do novo goberno para a mellora de centros educativos na provincia de Lugo, cuxo orzamento foi 3.328.300 euros en 2009, e para o que a Consellería prevé para o presente ano investir ata 5.623.980 euros.