O conselleiro de Educación comprobou a evolución das obras de reposición no CEIP Xesús Golmar, en Lalín, Pontevedra

A Consellería de Educación está a investir preto de 5,5 millóns de euros nesta anualidade neste proxecto
Xov, 26/08/2010 - 14:13
O conselleiro de Educación comprobou a evolución das obras de reposición no CEIP
O conselleiro de Educación comprobou a evolución das obras de reposición no CEIP Xesús Golmar, en Lalín, Pontevedra

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe a evolución das obras de reposición do CEIP Xesús Golmar, en Lalín, Pontevedra, onde comprobou o estado das obras de dito centro, que nesta anualidade teñen un orzamento de 5.348.936 euros.

Durante o percorrido o conselleiro recordou que “cando rematen estas obras os 566 alumnos que actualmente ten o centro poderán estudar en novos edificios”, ao tempo que sinalou que o CEIP Xesús Golmar “será innovador e cos recursos necesarios para que poida dar cabida a novos proxecto educativos e aos estudantes de Lalín con plenas garantías, nas mellores e máis modernas instalacións que favorezan a aprendizaxe e o método pedagóxico durante a formación inicial dos alumnos e alumnas”.

As melloras que se están levando a cabo teñen como obxectivo dotar ao centro de mellores instalacións. En total, o centro terá catro plantas nas que estarán úbicadas as aulas, a sala de usos múltiples, cociña e comedor, así como as zonas administrativas, biblioteca, taller de música, e aula de informática, entre outros. Por outra banda estará o ximnasio, vestiarios e espazos exteriores cubertos.

Resposta ás demandas

Deste xeito o novo colexio contará cunha superficie útil de 4.674 metros cadrados, divididos en 12 aulas de infantil, 18 aulas de primaria e 6 aulas para realizar actividades en pequenos grupos de alumnos. Todo o edificio está construído con materiais lixeiros, e nel ábrense grandes vanos que facilitan a entrada da luz, o que significa ao mesmo tempo unha aposta polo aforro de enerxía.

Vázquez Abad destacou que “isto dá resposta ás inquedanzas que ten a comunidade educativa de Lalín, onde non cabía outra resposta que a ampliación do espazo educativo con este novo centro, cumprindo o compromiso de investimento desta Consellería para a optimización dos recursos dispoñibles, sempre manténdonos na vangarda tecnolóxica e pedagóxica”.

Por outra banda, as obras de reposición do colexio lalinense contemplan a urbanización exterior dunha parcela de case 7.000 metros cadrados, que dotará ao centro de espazos libres, aparcadoiros, novas zonas deportivas e espazos de xogos e recreo. O conselleiro explicou que “as obras dos edificios están xa moi avanzadas, e nestes intres están a comezar a desenvolverse as do novo ximnasio”. “A´si- continúo- agardamos poder inaugurar o novo Xesús Golmar para o curso escolar 2011-2012”.

Nesta visita Vázquez Abad estivo acompañado tamén polo secretario xeral da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; e a directora do centro, María Jesús Froiz

Con todas estas actuacións o actual goberno galego cumpre co seu compromiso coa comunidade educativa, dotando aos centros de ensinanza das mellores instalacións. Estas actuacións se enmarcan dentro dos orzamentos que a Consellería de Educación destina para a mellora das instalacións educativas e que no presente ano supera os trinta e tres millóns de euros.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (1)

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (2)

Menús News node R