Política Lingüística impulsa a investigación sobre a lingua galega con novas bolsas de colaboración no centro Ramón Piñeiro

A concesión das bolsas rematará o vindeiro 31 de decembro, coa posibilidade de prorrogar a duración ata un máximo de tres anos

Mar, 12/01/2010 - 09:18

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os proxectos de investigación para os que se convocan estas bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades son o de dicionarios de literatura, o do Corpus documentale latinum gallaeciae, o proxecto do Corpus de referencia do galego actual e mais o de catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro.

Baremo para a selección

Ademais da titulación e do expediente académico, outras das variables que terá en conta a comisión de valoración para a selección de candidatos e candidatas será o currículo do solicitante, a experiencia en proxectos de investigación similares e mais a realización dunha entrevista persoal.

Os beneficiarios destas axudas levarán a cabo o seu traballo durante os vindeiros meses e a súa colaboración rematará o próximo 31 de decembro, aínda que se pode prorrogar a duración da bolsa ata un máximo de tres anos. Respecto da asignación mensual, os bolseiros recibirán un total de 954 euros.

Impulsar a investigación sobre lingua galega

Con esta convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo ten como obxectivo prioritario avanzar no proceso de investigación que se está a levar a cabo actualmente na comunidade galega sobre os diversos aspectos da lingua galega.

Menús News node R