Cultura e Educación lanza unhas novas axudas á promoción, comercialización e exhibición dos produtos audiovisuais galegos

A Consellería completa así as cinco convocatorias do seu programa anual de subvencións para o audiovisual, ao que destina 2,53 millóns de euros cun incremento do 92,25% respecto a 2013

A creación desta liña de apoio, dotada con 120.000 euros, atende os procesos posteriores á fase de produción cinematográfica co obxectivo de garantir e impulsar a chegada das fitas galegas aos espectadores

As bases publicadas esta semana establecen unha modalidade para a asistencia a festivais de referencia e outra específica para favorecer a distribución das películas

Dom, 28/09/2014 - 11:00
Cultura e Educación lanza unhas novas axudas á promoción, comercialización e exh
Cultura e Educación lanza unhas novas axudas á promoción, comercialización e exhibición dos produtos audiovisuais galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de crear unha nova liña de axudas ao audiovisual galego, a través da que se atenden especificamente as fases de promoción, comercialización e exhibición dos produtos audiovisuais co obxectivo de garantir e impulsar a súa chegada aos espectadores. Péchanse así as convocatorias do programa anual de subvencións ao sector que a Consellería xestiona a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) cun orzamento total de 2,53 millóns de euros –un 92,25 por cento máis que en 2013–para cinco programas de apoio.   

No caso destas novas axudas á promoción e comercialización, para as que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 25 de outubro, cóntase cunha dotación de 120.000 euros repartidos entre dúas modalidades: a primeira delas para a asistencia a festivais de referencia, tanto a nivel estatal como internacional, e unha segunda dirixida especificamente a favorecer a distribución de longametraxes de ficción, documentais e de animación.

Distribución

Máis do 87% (105.000 euros) do orzamento total da convocatoria resérvase para esta segunda categoría, á que poden optar películas de produción galega xa rematadas e con certificación do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais) do Ministerio de Educación e Cultura a partir do 1 de xaneiro deste ano.

Os plans de comercialización presentados, que deberán contar cunha distribución mínima de cinco copias en Galicia e dez no conxunto do Estado, serán puntuados por unha comisión seguindo a aplicación dun baremo preestablecido. Con tal fin, valorarase  a existencia dun contrato cunha empresa distribuidora, a adecuación do plan de distribución á película, a súa estrea simultánea en máis de catro localidades, o número de cidades nas que se exhibe dentro do circuíto comercial e o esforzo en promoción e publicidade, así como a porcentaxe de copias distribuídas en versión orixinal galega.

Festivais

En canto á modalidade de festivais, á que se destinan 15.000 euros, o obxectivo é apoiar a asistencia dos profesionais galegos a certames de referencia que seleccionen os seus traballos. As bases relacionan un total de 38 festivais, coas correspondentes seccións, para os que se pode solicitar esta axuda. Neste caso, os criterios de valoración teñen en conta a clasificación do certame en función das tres categorías que se establecen na convocatoria, a proxección do filme en galego, ademais da presenza do director e do equipo técnico-artístico na presentación do filme.

Xunto coas subvencións á organización de festivais audiovisuais de Galicia, tamén publicadas por vez primeira este ano e xa resoltas, esta última convocatoria amplía as axudas da Consellería ás fases posteriores á preprodución e á produción audiovisual. Nestes momentos, atópanse en tramitación cara á súa resolución as liñas de subvención destinadas á produción e coprodución audiovisual, cunha dotación de dous millóns de euros; ao desenvolvemento de proxectos, con 175.000 euros; e á promoción do talento audiovisual galego por un importe de 145.000 euros.

Menús News node R

Tema