Preto do 80% dos usuarios dos comedores escolares de Galicia teñen o servizo totalmente gratuíto, de acordo coa renda familiar

Tan só os usuarios cunha maior capacidade económica, un 12,3% do total, aboa 4,5 euros
Xov, 25/09/2014 - 13:20
 Preto do 80% dos usuarios dos comedores escolares de Galicia teñen o servizo to
Preto do 80% dos usuarios dos comedores escolares de Galicia teñen o servizo totalmente gratuíto, de acordo coa renda familiar

Preto do 80% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria teñen o servizo totalmente gratuíto, de acordo coa súa renda familiar. en concreto un 78,17% Engadíndolle os que pagan 1 euro ao día, o 83,47% dos comensais utilizan o comedor totalmente de balde ou pagando tan só un euro.

Na comparación cos datos ofrecidos polo informe da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA) cómpre sinalar que o prezo indicado no cadro comparativo para o caso galego é o máximo, o de 4,5 euros, que só aboan un 12,3% dos usuarios.  Ademais, segundo as publicacións de datos e cifras do Ministerio en Galicia utiliza o comedor dos centros públicos o 41,6% do alumnado de Primaria e o 16,8% do de secundaria; mentres que en Asturias utilízano o 31% do alumnado de Primaria e o 2,1% do de secundaria.

Así as cousas pódese concluír que a porcentaxe de gratuidade nos comedores escolares galegos é , de forma significativa, maior que no caso de Asturias, xa que nesa CCAA só existe unha exclusión ao réxime de pagamento de prezo completo. De feito en Galicia case o 87% dos usuarios ten o servizo gratuíto ou pagando 1 euro ou 2’5, por debaixo do prezo completo – e único- de Asturias.

Deste xeito confírmase que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español, ademais de ter incrementado desde o 08/09 un total de 13.731 prazas (un 23,67%) ata as 71.731 deste curso nos comedores xestionados pola Consellería

Cómpre lembrar que no curso 13/14 destináronse 29,7 millóns de euros aos comedores que xestiona de forma directa e indirecta, así como ao cofinanciamento mediante convenio de colaboración dos comedores xestionados polos concellos e ao cofinanciamento dos comedores xestionados polas ANPAS mediante outorgamento de axudas; o que supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 aos comedores escolares.