O informe da Inspección Educativa confirma que o IES Primeiro de Marzo (Baiona) conta coas instalacións e material necesario para impartir a FP Básica de electricidade e electrónica
A Consellería de Cultura e Educación recórdalle ao claustro de docentes que o centro dispón de 3 aulas de Tecnoloxía, unha delas dedicada a Electrotecnia
Lun, 22/09/2014 - 13:41
IES Primeiro de Marzo
IES Primeiro de Marzo

A Inspección Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emitiu esta mañá un informe no que se confirma que o IES Primeiro de Marzo (Baiona) conta coas instalacións e recursos necesarios para impartir a FP Básica de Electricidade e Electrónica. Neste sentido, o departamento educativo da Xunta de Galicia lamenta as declaracións feitas polo claustro de profesores queixándose de non poder impartir esta titulación por falta de espazos axeitados, sendo ademais eles coñecedores da importancia destas ensinanzas para favorecer e facilitar a permanencia do alumnado da zona no sistema educativo, na procura dunha redución do abandono temperán.

En concreto, o centro dispón de 3 aulas de Tecnoloxía, unha delas dedicada a Electrotecnia e dotada de zona de aula e de zona de taller. A súa utilización para as materias do departamento de Tecnoloxía é compatible co seu uso polos alumnos de FP Básica, segundo indica o informe da Inspección. No que atinxe ao material, o centro conta con dotación diversa para a impartición desta disciplina, incluíndo material específico de electricidade e electrónica como fontes de alimentación, ferramentas para traballos eléctricos e electrónicos, equipos de medida e de soldadura, entre outros.

Porén, e malia contar con estas instalacións e equipamento, o centro decidiu asignar á FP Básica unha aula antes dedicada a unha materia de introdución á mecánica, que non dispón do necesario para estas ensinanzas. Diante desta situación, a Inspección reunirase mañá mesmo co equipo directivo e docentes do IES Primeiro de Marzo co fin de darlles pautas para o emprego das aulas axeitadas para a FP Básica, compatibilizando o seu uso co resto das clases que se imparten no instituto.  Deste xeito a Consellería agarda que o centro adopte unha actitude responsable en prol do beneficio do alumnado, evitando calquera instrumentalización deste asunto fóra das marxes do sistema educativo.