Cultura e Educación inaugura o IX Ciclo ‘Escritores na universidade’ na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto co que se abriu este ciclo de mesas redondas

‘Escritores na universidade’ é froito da colaboración de Cultura e Educación coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e coa Universidade de Vigo

Mér, 17/09/2014 - 17:30
O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto co que se abriu es
O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto co que se abriu este ciclo de mesas redondas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou hoxe na mesa inaugural do IX Ciclo de mesas redondas “Escritores na Universidade” que se celebra ata o 8 de outubro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

García Gómez destacou o papel da literatura na visibilización e no prestixio da lingua e, polo mesmo, expresou a súa satisfacción pola vitalidade e a calidade da que se fai actualmente en galego. Así mesmo, avogou pola celebración de encontros coma “Escritores na Universidade”, que facilita o achegamento da mocidade á nosa literatura contemporánea directamente da man dos seus autores.

No acto de apertura, acompañaron o secretario xeral Rexina Vega, vogal da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e Marta García González, vicedecana de Relacións Exteriores da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Escribir o futuro

O IX Ciclo “Escritores na Universidade” desenvolverase este ano baixo o título xeral “Como escribir o futuro?”. A primeira das súas mesas redondas, celebrada hoxe, dedicouse á narrativa e nela Ledicia Costas e Manuel Portas disertaron sobre “Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea?”.

O próximo 24 de setembro será a quenda do verso coa mesa “E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta”, na que participarán Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris. Na sesión de clausura do 8 de outubro, centrada no teatro, o estudantado terá ocasión de escoitar a Celso Fernández Sanmartín e a Paula Carballeira na mesa redonda “Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?”

Todas as sesións deste ciclo terán lugar ás 13.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo.

Colaboración coa Asociación de Escritores da Lingua Galega

“Escritores na Universidade” é unha iniciativa da AELG que se materializa mercé á colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A Consellería, a través dun convenio de colaboración, apoia outras actividades da AELG que inciden na difusión da obra dos escritores en lingua galega. Entre elas, podemos destacar as visitas de escritores a Centros de Estudos Galegos dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o XI Curso de formación continua “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”, que abordará este ano os movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil.

Menús News node R

Colectivo