A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para fomentar o uso da lingua galega nos centros educativos

Os equipos de dinamización da lingua galega poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro día 1 de febreiro

Lun, 11/01/2010 - 09:11
Proxecto IES de Melide
Proxecto IES de Melide

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo destinará un total de 878.000 euros para a realización destas actividades que deseñan e desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega. En concreto, Política Lingüística destinará 800.000 euros á promoción da lingua propia de Galicia nos centros de titularidade pública, mentres que os de titularidade privada recibirán un total de 78.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 1 de febreiro.

Criterios de avaliación

As achegas económicas que se lle asignen a cada proxecto determinarase tendo en conta diversos criterios. A orixinalidade nas propostas, a potenciación das competencias lingüísticas "especialmente as orais" e a utilización de novas tecnoloxías son algunhas das principais variables que se avaliarán positivamente. Tamén se terá especialmente en conta a colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro para fomentar o galego na contorna, así como a colaboración con outros centros educativos na realización de actividades. Outros dos criterios da avaliación son o número de estudantes aos que vai dirixido o proxecto, así como tamén a implicación activa dos membros da comunidade educativa nas actividades propostas.

O papel dos equipos de dinamización da lingua galega

Esta convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística constitúe unha iniciativa que ten como fin prioritario apoiar e impulsar o labor que veñen desenvolvendo os equipos de dinamización da lingua galega, un dos principais motores da dinamización lingüística nos centros educativos. Por iso, un dos obxectivos fixados para esta lexislatura polo departamento que dirixe Anxo Lorenzo é lograr unha maior visibilidade do seu labor e avanzar na planificación da súa actividade.

Formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non docente, os equipos comezaron a funcionar nos centros de ensino galegos no curso 1990-1991. A súa creación responde ao obxectivo da Lei de normalización lingüística de 1983 de conseguir que o alumnado adquira unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. Na actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos. Así mesmo, outra das tarefas que veñen desempeñando os equipos é a de conectar a acción dinamizadora levada a cabo no centro de ensino coas actividades de fomento do uso do galego realizadas no contorno social, nun intento de sumar sinerxías para darlles pulo á lingua e á cultura galegas.

O labor dos equipos, tamén na rede

Co obxectivo de difundir e axudar a facer máis visible as experiencias dinamizadoras levadas a cabo polos equipos, o departamento que dirixe Política Lingüística puxo en marcha durante o pasado mes de xuño o espazo web www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion, onde ademais poden compartir recursos, ferramentas e información.