A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar atención especializada a máis de 360 estudantes con discapacidade visual

O departamento de Vázquez Abad vén de dar continuidade ao convenio de colaboración coa ONCE para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asisten, mediante a sinatura da correspondente addenda
Xov, 28/08/2014 - 16:27
A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar at
A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar atención especializada a máis de 360 estudantes con discapacidade visual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, asinaron esta mañá unha nova addenda ao convenio de cooperación educativa entre ambas institucións para o establecemento de medidas encamiñadas á atención de persoas con discapacidade visual. A Consellería aportará aos equipos específicos da ONCE un total de 6 profesores especializados na atención do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, o que representa para o curso 2014-2015 un investimento de 193.000 euros en beneficio de máis de 360 estudantes.

O convenio, asinado o curso 2013-2014, é un garante para a inclusión educativa deste alumnado -a través da súa escolarización en centros ordinarios-, a accesibilidade aos recursos tecnolóxicos e a súa transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares.

Ademais, a colaboración entre a ONCE e a consellería repercute na mellora dos centros educativos dos estudantes, facendo realidade unha intervención educativa de calidade, axustada á diversidade de cada alumno e alumna, cunha intensa cooperación entre todas as persoas implicadas.

Coa sinatura desta addenda, que dá continuidade ao convenio asinado o pasado curso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue velando polo cumprimento do seu compromiso coa atención á diversidade do estudantado galego, reforzado a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.