A Consellería de Educación creará vinte novos postos no cadro de persoal de servizos complementarios

A Administración ampliará as prazas relativas a coidadores, auxiliares e novos axudantes de cociña
Mér, 04/08/2010 - 14:36

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria confirmou hoxe a ampliación do número de postos de traballo no cadro de persoal de servizos complementarios. Unha determinación acadada hoxe pola mañá durante a celebración dunha mesa sectorial e posteriormente na comisión de persoal laboral convocada co fin de analizar a relación de postos de traballo da Consellería.

Neste encontro a Consellería acordou que se crearan 20 novos postos de coidadores e auxiliares así como de novos axudantes de cociña. Ademais os incrementos afectan especialmente a coidadores, axudantes, educadores, interpretes de linguaxe de signos e ATS.

Cumprimento da legalidade

A Consellería está a cumprir estritamente os ratios de axudante por número de comensais segundo a legalidade vixente no decreto que regula os servizos de comedor escolar foi aprobado na anterior lexislatura e que ata fai un ano non atopou oposición por parte dos sindicatos.

Durante a celebración do encontro de hoxe boa parte da argumentación sindical xirou en torno a privatización de servizos de comedores, cómpre poñer de manifesto que a realidade e que oito comedores cunha media inferior a vinte comensais pasan de ser atendidos por persoal laboral da Xunta a ter un servizo externo de calidade que supón un aforro do 34,64% nos oito comedores sinalados.

Deste xeito a Consellería volve a demostrar unha vez máis a eficiencia na xestión a prol de toda a comunidade educativa. Con estas cifras queda demostrada a falsedade que as acusacións vertidas nas últimas semanas nas que se aseguraba o despido de 70 traballadores de comedores, xa que non só se recolocan senón que ademais haberá 20 novos postos de traballo incluídos no casa de persoal de servizos complementarios.