As Universidades do SUG poderán presentar ata o 1 de setembro á Consellería de Cultura e Educación as súas propostas de novas titulacións para o curso 2015/2016

Cómpre lembrar, ademais, que está aberto o proceso de renovación da acreditación daqueles plans de estudo que se verificaran hai 4 anos

O adianto do calendario para novas propostas dará maior seguridade xurídica ao alumnado universitario

Mar, 19/08/2014 - 11:15
 As universidades do SUG poderán presentar ata o 1 de setembro á Consellería de
As universidades do SUG poderán presentar ata o 1 de setembro á Consellería de Cultura e Educación as súas propostas de novas titulacións para o curso 2015/2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibirá ata o vindeiro 1 de setembro as propostas de novas titulacións de grao, máster e doutoramento das entidades que integran o Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o curso 2015/2016. Segundo as instrucións remitidas polo departamento educativo da Xunta de Galicia ás 3 universidades, estas deberán presentar diante da Consellería ata a devandita data, a documentación de solicitude de autorización previa de envío a verificación ou modificación de planos de estudos. Pola súa banda, a Consellería ten ata o 1 de novembro para pronunciarse ao respecto, emitindo informe favorable ou desfavorable.

Os títulos autorizados para o envío a avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), deben dispor do informe final de verificación ou modificación antes de 31 de marzo. A Xunta dispón ata o 15 de setembro do 2015 para publicar a orde de autorización de impartición, sempre e cando a ACSUG emitira informe favorable.

Deste xeito o calendario establecido no Decreto 22/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia adiántase e adáptase ao acordo da Comisión Delegada da Conferencia General de Política universitaria do 5 de marzo deste ano, ao abeiro do que se aprobou un ‘Protocolo de boas prácticas no proceso de establecemento da oferta de prazas e titulacións’ segundo o cal só se poderán ofertar as titulacións que conten, no momento de fixar a oferta, coa autorización de impartición da Consellería. Tamén se adianta o calendario no artigo 7.2 do Real Decreto 412/2014, de 6 de xuño, polo que se establece a normativa básica dos procedementos de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de Grao, que obriga a facer público o límite de prazas de cada titulación para o seguinte curso académico, aprobado na Conferencia General de Política Universitaria, antes do 30 de abril.

Máxima seguridade xurídica

O obxectivo destes adiantos de máis de dous meses sobre o calendario vixente é garantir á máxima seguridade xurídica ao estudantado que se matricule nun título universitario en Galicia. Desta maneira, a oferta de títulos universitarios para cada curso contará dende ese momento cunha tramitación previa que certificará que o título conta cos procesos de acreditación de calidade e de autorización pola Comunidade Autónoma respectiva.

Cómpre lembrar que a Consellería tamén iniciou o pasado mes de xuño o proceso de renovación da acreditación das titulacións universitarias oficiais de grao – que debe realizarse cada 6 anos - e máster – cada 4 anos-, o que supón un importante fito no control de calidade destes estudos, na liña de traballo que está a desenvolver o departamento educativo da Xunta para avanzar na mellora do Sistema Universitario de Galicia.

Documentación

Para poder ofertar novas titulacións ou modificar as xa existentes para o curso 15/16 as universidades do SUG deberán presentar diante da Consellería, ata o 1 de setembro, a solicitude de informe previo de envío a verificación acompañada das pertinentes certificacións do acordo do Consello de Goberno e do informe do Consello Social da propia entidade, da memoria de verificación que terá que avaliar a ACSUG e mais, no caso de titulacións conxuntas, do convenio ou acordo de vontades.

Como documentación adicional deberán xuntar unha memoria xustificativa na que se explique como a titulación responde ás necesidades do mercado laboral, incorpora perfís profesionais relacionados co desenvolvemento de sectores estratéxicos en Galicia, e favorece o espírito emprendedor e o autoemprego dos futuros titulados. A solicitude irá acompañada, así mesmo, por unha previsión de matrícula atendendo á demanda real, e dunha relación de medidas para a revisión da titulación no caso de que se trata dunha modificación da mesma.

Doutra banda, e de acordo coa Orde do 20 de marzo que desenvolve o devandito Decreto 222/2011, as universidades terán que presentar unha memoria que xustifique a viabilidade económica do plan de estudos, analizando as necesidades presentes e futuras tanto no que atinxe a recursos humanos como a infraestruturas e outros aspectos relacionados coa súa impartición.

Aclaracións ao decreto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén ademais de enviar ás universidades instrucións respecto dalgúns puntos do Decreto 222/2011, co obxectivo de aclarar o cómputo do número mínimo de estudantes de novo ingreso nas titulacións, así como de exceptuar do mesmo ás ensinanzas afectadas por especiais características.

Así establécese que, no caso das ensinanzas de grao con planos de estudos coincidentes nun mínimo de 90 créditos ETCS nos 2 primeiros cursos, computaranse conxuntamente os estudantes de novo ingreso, sempre que ambas as universidades compartan a organización docentes dos devanditos cursos, tanto en grupos teóricos como nos prácticos. 

Ademais indícase que cando un máster no acade o alumnado mínimo poderá impartirse nese curso académico pero non poderá ofertarse no inmediatamente posterior, e a universidade procederá a modificar o seu plan de estudos para mellorar a súa demanda. Desta esixencia quedarán, en todo caso, exentas as ensinanzas universitarias oficiais de máster vinculadas ao programa Erasmus Mundus, e aqueles que habiliten para o exercicio dunha profesión en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

O obxectivo destas instrucións é clarificar e racionalizar a oferta de titulacións do Sistema Universitario de Galicia, promovendo a creación de titulacións atractivas para o alumnado que promovan ao tempo o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da comunidade autónoma.