Anxo Lorenzo lembra que as bases para a elaboración do Decreto do plurilingüismo permiten, por primeira vez, que as familias participen no desenvolvemento dun ensino de calidade

O secretario xeral de Política Lingüística reiterou a súa aposta clara polo equilibrio entre galego e castelán, e por acadar unha educación plurilingüe
Lun, 04/01/2010 - 09:05

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, lembrou hoxe que as bases para a elaboración do Decreto do plurilingüismo no sistema educativo non universitario, presentadas o pasado mércores, permiten que as familias galegas participen por primeira vez de forma activa no desenvolvemento dun ensino de calidade en Galicia. Nunha entrevista no programa "Bos Días" da Televisión de Galicia, o secretario xeral de Política Lingüística, expuxo as liñas fundamentais sobre as que a Consellería de Educación construíu a arquitectura xeral deste texto, que presentará agora aos axentes sociais e políticos implicados, co fin de que o Decreto final sexa froito do maior acordo posible.

Lorenzo asegurou que as bases para a elaboración do novo Decreto susténtanse sobre o equilibrio entre as dúas linguas oficiais -galego e castelán-; e ''por escoitar e incorporar activamente as familias'' no reparto de horario lectivo entre ambas. Ademais, reiterou a aposta clara polo pluringüismo, reservando un terzo das horas de clase á docencia nunha lingua estranxeira, na liña seguida polas institución europeas.

Neste sentido, Anxo Lorenzo destacou que o obxectivo é que todo o alumnado adquira ''competencias plenas e equilibradas'' nas linguas oficiais, ao tempo que desenvolve as necesarias para ter coñecementos nunha lingua estranxeira, fundamentalmente en inglés, algo que Lorenzo considera ''un obxectivo estratéxico para a sociedade galega do século XXI''.

O secretario xeral de Política Lingüística sinalou tamén que outro dos obxectivos é que un terzo das materias se impartan en lingua estranxeira en educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato, unha meta cara a que se comezará a camiñar este mesmo semestre. ''A Consellería de Educación vai poñer sobre a mesa un plan galego de plurilingüismo con recursos económicos suficientes, e sobre todo co compromiso de manter ese esforzo e os orzamentos pertinentes durante os cursos que sexan necesarios'', explicou Lorenzo, lembrando ademais que a Xunta xa vén desenvolvendo diferentes accións de capacitación do profesorado para impartir docencia en outros idiomas.

Consenso

Anxo Lorenzo reiterou que o texto presentado son bases que se van presentar ás forzas políticas e aos axentes sociais implicados, na busca do maior consenso posible á hora de elaborar o texto final, que derrogará o Decreto 124/2007 .

Neste sentido, Lorenzo explicou que a Consellería de Educación ''acepta e respecta as criticas e as opinións contrarias e matizadas'', e intentará incorporar novas achegas ao texto do Decreto, sempre tendo en conta que este ''ten unhas bases ben asentadas sobre as que hai que elaborar este consenso''.