Cultura e Educación destaca o sistema educativo como un elemento favorable á consecución do equilibrio lingüístico e á adquisición de competencias nas dúas linguas oficiais de Galicia

Na etapa de infantil, o 47,6% dos grupos teñen o galego como lingua predominante, mentres que en primaria o peso da nosa lingua propia ascende ao 50,9% do horario escolar

Cómpre lembrar que, malia a haber unha lingua predominante, a introdución da outra lingua cooficial en Infantil queda garantida

Xov, 17/07/2014 - 12:55

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou hoxe no Parlamento como o sistema educativo -a través do Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – favorece a consecución do equilibrio lingüístico e a adquisición de competencias nas dúas linguas oficiais de Galicia. Así o demostran os datos achegados no Parlamento, rigorosos, contrastados e obtidos a partir do control exhaustivo de cada grupo educativo dos centros públicos e privados concertados que utilizan a programa para a xestión de centros XADE, polo tanto datos introducidos polos propios centros e cunha alta fiabilidade

Neste sentido o secretario xeral explicou que, mentres que na etapa de infantil o 47,6% dos grupos teñen o galego como lingua predominante, en primaria o peso da lingua propia de Galicia ascende ao 50,9% do horario escolar, manténdose en termos similares no Bacharelato (50,4% en galego) e cun 47,4% en galego en ESO.

Competencia parella

Valentín García lembrou que o obxectivo do Decreto 79/2010 e do sistema educativo galego é a adquisición de competencias por igual nas dúas linguas, un equilibrio que queda de manifesto nas devanditas cifras ao longo das diferentes etapas. A este respecto explicou ademais que, segundo o último estudo de competencia realizado, non se aprecian diferenzas relevantes no dominio de galego e castelán, e que o alumnado supera o nivel do aceptable en ambas as dúas.

Por outra banda, o secretario xeral fixo fincapé na vinculación dos datos cos criterios territorial e poboacional que reflicten a situación sociolingüística de Galicia. Así, no ensino infantil o galego é a lingua predominante do 90,6% dos grupos dos núcleos de menos de 5000 habitantes, mentres que nas grandes cidades a porcentaxe de grupos coa lingua propia de Galicia é do 10,4%. En calquera caso, Valentín García recalcou que “en ningún caso a lingua preferente é a lingua única do grupo, senón que, a partir dela, o docente procura que a alumna ou alumno adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial”.Neste sentido salientou o traballo dos docentes e a atención personalizada querealizan, de tal forma que malia a haber unha lingua predominante, a outra lingua cooficial e tamén introducida nesta etapa.

O secretario xeral destacou, así mesmo, o esforzo que está a facer a Consellería para incidir na transmisión interxeracional, de forma que as familias coñezan a  importancia de que a lingua materna dos seus fillos sexa o galego.

Menús News node R