Trinta persoas participan nas Xornadas de Formación de Profesorado de Celga que organizan Política Lingüística e a USC

Ademais deste curso, que comezou hoxe, os próximos días 5 e 6 de agosto terán lugar as Xornadas de Formación de Avaliadores Celga

Lun, 26/07/2010 - 17:46

Un total de trinta persoas participan desde hoxe ata o 4 de agosto nas Xornadas de Formación de Profesorado de Celga, que habilitan para impartir os cursos preparatorios para o obter o Certificado de lingua galega (Celga).

Esta oferta formativa, que impulsan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten como obxectivos  prioritarios dotar os asistentes das ferramentas necesarias para a planificación e a avaliación no proceso de ensino e aprendizaxe do galego, así como responder ás esixencias do contexto de ensino, aprendizaxe e avaliación desta lingua que precisa a sociedade actual.

Contidos do curso

O contido deste curso preséntase estruturado en sete bloques temáticos: Metodoloxía. O enfoque comunicativo; O enfoque comunicativo e o funcionamento por destrezas; Gramática pedagóxica; Didáctica do vocabulario; Ensino por tarefas; A avaliación. Tipoloxías. Niveis. O sistema de avaliación dos Celga  e os niveis de competencia en lingua galega; e mais Didáctica da sociolingüística.

As xornadas, que teñen lugar no Campus Vida da USC, están dirixidas ao profesorado colaborador de Política Lingüística e mais aos aspirantes a colaborar, aos lectores e lectoras de galego e ao profesorado de galego das Escolas Oficiais de Idiomas que vaian impartir cursos Celga. Tamén poden participar os licenciados ou licenciadas en filoloxías distintas á de galego ou en Tradución e Interpretación, sempre e cando cursasen materias de lingua galega.

Xornadas de Formación de Avaliadores Celga

Por outra banda, os próximos días 5 e 6 de agosto terán lugar as Xornadas de Formación de Avaliadores Celga, curso que habilita para corrixir as probas coas que se obtén o Celga. Para participar, débese contar co Curso de Formación de Profesorado de Galego e tamén é necesario estar inscrito nas listas de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O sistema de Certificación de lingua galega

En 2007 implantouse en Galicia o sistema de Certificación da lingua galega adaptado ao Marco común de referencia para as linguas. Conformado por distintos niveis, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Os contidos nos que se basea este sistema son lingua e comunicación (funcións comunicativas), lingua e sistema (coñecemento do código) e mais lingua, cultura e sociedade (contidos socioculturais).