A Consellería de Cultura e Educación e a Radio Galega entregan os galardóns do VIII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

César Carracedo e Carmen Blanco recibiron as distincións do Xurado e da Audiencia polas obras ‘Explotados’ e ‘A primeira vez’

Lun, 30/06/2014 - 18:54
A Consellería de Cultura e Educación e a Radio Galega entregan os galardóns do V
A Consellería de Cultura e Educación e a Radio Galega entregan os galardóns do VIII premio diario cultural de teatro radiofónico

A Radio Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entregaron hoxe os galardóns do VIII Premio Cultural de Teatro Radiofónico. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, fixéronlles entrega dos premios do Xurado e da Audiencia a César Carrecedo e a Carmen Blanco, polas obras ‘Explotados’ e ‘A primeira vez’, respectivamente, dotado cada un con 3.000 euros.

O acto de entrega tivo lugar no marco dun programa especial do Diario Cultural, que contou con entrevistas cos premiados e finalistas, e mais coas emisións de diferentes fragmentos das obras. Xunto con ‘Explotados’  e ‘A primeira vez’  escoitáronse as obras finalistas ‘Para o norte’, de Marcos Abalde, e ‘A guerra silenciosa’, de Fernando Epelde.

As catro obras finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 26 de maio  e o 6 de xuño. Con adaptación radiofónica de Cristina Domínguez, as obras foron interpretadas por César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aaron Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva

As catro obras finalistas publicaranse nun libro-CD. A colección do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico consta na actualidade de sete volumes con 25 obras inéditas publicadas e as correspondentes adaptacións radiofónicas.

O crítico de teatro Camilo Franco e a docente da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) e crítica de teatro Inma López Silva, membros do xurado, participaron tamén no programa especial que se realizou nos estudios da Radio Galega. O xurado do VIII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado, ademais, pola directora e docente na ESAD Cristina Domínguez, Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do Diario Cultural.

Convocado pola Radio Galega co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato dramático en radio desde unha perspectiva contemporánea.