O conselleiro de Cultura e Educación participou na entrega da XXXII edición do premio Trasalba a Agustín Fernández Paz

O autor recibiu a distinción pola súa significación na literatura infantil e xuvenil e as súas achegas á lingua e á pedagoxía

Dom, 29/06/2014 - 14:00
 O conselleiro de Cultura e Educación participou na entrega da XXXII edición do
O conselleiro de Cultura e Educación participou na entrega da XXXII edición do premio Trasalba a Agustín Fernández Paz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, xunto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a xefa territorial da Consellería, Mercedes Gallego, acompañaron hoxe a Agustín Fernández Paz na entrega do trixésimo segundo premio Trasalba que lle outorgou a Fundación Otero Pedrayo.

A devandita Fundación –da que a Consellería forma parte e á que aporta 15.000 euros- decidiu galardoar o autor vilalbés polo seu tributo e contribución á literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que comezaron a desenvolverse nos anos 80.

O acto literario tivo lugar no auditorio da Casa Grande de Cimadevila e consistiu nunha intervención de Lucía Castro Reboreda na que fixo unha semblanza de ‘Ramón Otero Pedrayo. O neno na escola’. A continuación desenvolveuse a homenaxe a Agustín Fernández , cunha laudatio de Francisco Castro. Despois o propio autor presentou o seu libro ‘Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza’. O evento tamén contou coa actuación da agrupación folclórica Queixumes dos Pinos, de Ourense. A festa rematou cun xantar de amizade no souto de Trasalba.

Ademais do premio que ten carácter honorífico e está representado por unha figura de bronce de Otero Pedrayo, obra do escultor Manuel Buciños, fíxoselle entrega dunha fotobiografía do autor e dunha edición especial que edita a Fundación, da obra que se presentou no acontecemento. Na edición anterior a homenaxeada foi a gaiteira Cristina Pato, que estivo presente na celebración e deu o relevo a Fernández Paz.

Unha biografía chea de recoñecementos

A relación de premios e recoñecementos de Agustín Fernández Paz non é de agora. Entre outros galardóns, ademais do Nacional de Literatura no ano 2008, posúe os Premios Merlín (1989); Lazarillo (1990); Ourense de Banda Deseñada (1992 ); EDEBE (1994, 2005); o Barco de Vapor (2003); Martín Sarmiento (2006); Xerais de Novela (2007); Iberoamericano SM de Literatura Infantil (2011); Anxel Casal (2011); e Lousada Diéguez (2012), entre outros moitos.

Fernández Paz recibiu o Premio da Crítica e estivo seleccionado na Lista de Honor Da  Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Igualmente foi agasallado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Libreiros de Galicia ou Galix. A súa obra está a ser traducida a diversos idiomas.