Cultura e Educación colabora con Fegatea no desenvolvemento dun curso de iluminación no Centro Dramático Galego

Un total de 13 alumnos procedentes de diferentes compañías da Federación Galega de Teatro Afeccionado asistirán a este encontro impartido por Juanjo Amado, responsable técnico de iluminación da compañía pública

A iniciativa enmárcase na liña de apoio da Consellería a Fegatea para a organización de actividades formativas e de intercambio no ámbito do teatro amador

Ven, 20/06/2014 - 13:30
Cultura e Educación colabora con Fegatea no desenvolvemento dun curso de ilumina
Cultura e Educación colabora con Fegatea no desenvolvemento dun curso de iluminación no Centro Dramático Galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) colaboran na organización dun curso de iluminación que se desenvolverá esta fin de semana no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG), coa asistencia de 13 alumnos procedentes das distintas compañías que integran a asociación.

Juanjo Amado, responsable técnico de iluminación do CDG e autor do deseño de luces de ‘Longa viaxe cara á noite’, a última produción da compañía pública, será o encargado de achegarlles aos alumnos os principais aspectos prácticos aos que deben enfrontarse á hora de acometer o plano de luces dun espectáculo teatral: desde a súa composición técnica de acordo co espazo escénico e o estilo da obra, ata a interpretación dun ‘rider’ e o manexo dos diferentes aparatos de iluminación e instrumentos para a mellora do seu rendemento (mesa de control e dimmers, leds, filtros, focos e ‘software’ informático).

Equipamento técnico

Os inscritos recibirán nocións sobre o funcionamento do equipamento do que dispón o Centro Dramático Galego, incluíndo unha ampla variedade de distintos tipos de focos de recorte, ‘fresnel’, PC ou panorama, ademais dunha serie de aparatos antigos e xa en desuso que conserva a compañía institucional desde o comezo da súa traxectoria hai trinta anos. Os asistentes terán, pois, a oportunidade de comprobar ‘in situ’ a enorme evolución tecnolóxica experimentada neste ámbito nos últimos anos.

Con este curso, dáse continuidade ao programa de formación impulsado por Fegatea xunto ao CDG, onde o ano pasado tivo lugar un obradoiro de construción escenográfica impartido tamén polo equipo técnico da unidade de produción teatral da Xunta.   

A iniciativa enmárcase, ademais, na liña de apoio de Cultura e Educación a esta federación para o desenvolvemento de actividades de intercambio e de formación dirixidas a avanzar no impulso do teatro afeccionado en Galicia. Neste mesmo sentido, o conselleiro Xesús Vázquez Abad e a presidenta de Fegatea, Consuelo Pampillón, asinaron o pasado 22 de maio un convenio de colaboración para a nova edición do Circuíto Galego de Teatro Amador.