Cultura e Educación vén de convocar a XIX edición do Premio Elías Valiña, potenciador dos camiños de Santiago

O galardón supón un recoñecemento institucional e social ao esforzo por protexer, revitalizar e fomentar o coñecemento dos valores propios dos itinerarios xacobeos

Xov, 19/06/2014 - 20:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe no DOG as bases dunha nova edición do galardón Elías Valiña Sampedro, que serve de homenaxe a un promotor sobranceiro da recuperación dos Camiños de Santiago. O recoñecemento trata de premiar a traxectoria de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que potencien os Camiños de Santiago e os valores que representa.

Bases reguladoras

Poderán optar a este premio as asociacións que acrediten unha actividade continuada de polo menos cinco anos e que destaquen no conxunto dos criterios de avaliación, que son: intervencións encamiñadas á protección do patrimonio; accións de divulgación, difusión e fomento do coñecemento entre a cidadanía; actividades de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; así como tarefas de sensibilización e fomento do asociacionismo con finalidades relacionadas co xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros simpatizantes; e, por último, actuacións orientadas ao fortalecemento dos valores intrínsecos do camiño na súa dimensión espiritual, social e solidaria.

O premio está dotado con 10.000 euros e poderá ser concedido de forma individual ou compartida. Así mesmo, ademais do premio, este galardón supón a mención especial a unha persoa que pola súa sensibilidade, compromiso, esforzo e dedicación teña contribuído ó impulso do camiño.

O prazo máximo para recibir as solicitudes será o vindeiro 21 de xullo, e pódense consultar no DOG núm.116 do 19.06.2014, a documentación e requirimentos para poder optar a este premio.