A Fundación Ventura Figueroa resolveu a convocatoria de bolsas para 18 estudantes universitarios

O importe das axudas, destinadas a familiares do fundador, suma un total de 28.800 euros
Mar, 29/12/2009 - 08:52

A Fundación Ventura Figueroa fixo públicos hoxe os nome dos 18 estudantes universitarios que se beneficiarán de bolsas de axudas cun valor total de 28.800 euros. Na resolución da concesión das bolsa estivo presente o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidente do padroado da Fundación Ventura Figueroa desde o mes de novembro. No acto tamén estiveron presentes os vogais do padroado o secretario xeral de Educación, José Luis Vázquez.

Contía das axudas

Nesta convocatoria déronse dúas bolsas máis que en anteriores edicións. Así o importe quedou distribuído en catorce axudas de 1.200 euros cada unha, para inicio ou continuación de estudos de grao, licenciatura, arquitecto, diplomado, mestres, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico. Ademais houbo dúas bolsas de 2.400 euros, cada unha, para continuar os estudos universitarios de terceiro ciclo ou os estudos oficiais de máster. A última partida foron dúas bolsas, de 3.600 euros cada unha, para os estudos conducentes ao título de doutor.

Os beneficiarios

Para a concesión das bolsas tívose en conta a situación económica dos solicitantes, así como a súa traxectoria académica e o grao de parentesco co fundador. Respecto do ano pasado introducíronse
novidades debido a adaptación das titulacións ao novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Por este motivo contemplouse que os solicitantes estean a cursar calquera dos títulos universitarios que coexisten na actualidade, estean ou non adaptados ao EEES. E atendendo á actual situación de crise polo que se está pasando, darase unha maior preferencia no acceso ás axudas aos solicitantes que presenten máis dificultades económicas.

A fundación

Con esta resolución consolidase a labor da Fundación Ventura Figueroa, centrada na actividade benéfica. A entidade, a máis antiga de Europa, foi fundada polos herdeiros de don Manuel Ventura Figueroa, figura destacada na historia de España durante o século XVII, época na que foi patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castilla.