A Consellería de Cultura e Educación colabora coa nova edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A promoción de novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía é o obxectivo deste certame, dotado con 16.000 euros para a produción dunha exposición itinerante co proxecto gañador e a publicación da obra

O prazo para a presentación dos traballos remata o 15 de setembro

Mér, 18/06/2014 - 18:14
Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación do certame
Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación do certame

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa nova edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que nace ao abeiro do Festival Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada, co obxectivo de situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe contemporánea.

A segunda edición do premio, que tamén conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo, foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, quen destacou o interese da iniciativa para dar novos pasos nas linguaxes artísticas contemporáneas, para explorar olladas novas nesta disciplina e para favorecer o seu achegamento á cidadanía, a través da exposición itinerante do proxecto gañador.

Na rolda de prensa de presentación, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, tamén participaron os coordinadores do premio, Víctor Nieves e Xosé Lois Vázquez, así como do deputado-delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro,

O premio está dotado con 16.000 euros, contía que se destinará á produción dunha exposición temporal itinerante coa obra gañadora e á súa publicación nun libro que se distribuirá nas librerías. Ademais, unha selección das fotografías premiadas formará parte tamén do libro do Festival Outono Fotográfico.

Características do proxecto

O certame premiará propostas de carácter visual-fotográficas no discurso da fotografía contemporánea por parte de autoras e de autores de calquera nacionalidade, que poderán presentar as súas obras ata o próximo 15 de setembro. Os participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre setembro de 2014 e setembro de 2014, que non fora subvencionado na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte, con enteira liberdade respecto ao tema e á técnica.

Exposición itinerante e publicación da obra gañadora

O 22 de setembro reunirase o xurado para seleccionar tres proxectos finalistas, que se darán a coñecer o 23 de setembro. 48 horas despois, o xurado elixirá o gañador ou gañadora de entre os finalistas, cuxa proxecto se traducirá nunha exposición que será inaugurada o 28 de novembro de 2014 na sala da Deputación Provincial de Lugo.

Posteriormente, a mostra itinerará durante cinco anos dentro da programación do Festival Outono Fotográfico en diferentes localidades. Ademais, o libro editado coa obra gañadora será distribuído polas librerías e o autor recibirá 100 exemplares.

Na primeira edición, en 2013, concorreron ao premio máis de 40 proxectos procedentes dun total de 10 países. A obra gañadora foi ‘Posesións para un esquecimento’, do lucense Daniel Díaz Trigo.