O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega dos premios da segunda edición do programa ‘Atrévete Ourense’

O obxectivo do certame é difundir a cultura emprendedora entre os máis novos

Mar, 17/06/2014 - 11:28
 O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega dos premios da segund
O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega dos premios da segunda edición do programa ‘Atrévete Ourense’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na entrega dos premios da segunda edición do certame ‘Atrévete a ter unha idea’, enmarcado no programa ‘Atrévete Ourense’, a través do que a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e o departamento educativo da Xunta de Galicia colaboran para promover o espírito emprendedor entre os máis novos. No transcurso deste acto Vázquez Abad anunciou, ademais, unha nova edición do programa e do concurso para o vindeiro curso 2014/2015, co fin de continuar a estender entre os escolares a cultura do emprendemento como valor engadido no seu futuro profesional e persoal.

O certame ‘Atrévete a ter unha idea’ premia as mellores propostas emprendedoras do alumnado participante para a posta en marcha dun negocio. Nesta edición resultaron galardoados Jimena Salgado, do IES O Couto; Carmen Doval, do colexio Divino Maestro; e Lucas Hermida, do IES O Ribeiro. Os gañadores recibiron un e-book, mentres que os finalistas do concurso, pertencentes tamén aos devanditos centros, levaron un lote de libros.

O conselleiro felicitou a todos os participantes pola súa creatividade, e agradeceu á Asociación de Empresarios do polígono de San Cibrao e ás empresas ás que representa “o seu compromiso e a súa colaboración en prol da formación das xeracións máis novas en valores intrínsecos do emprendemento, na iniciativa persoal, e na responsabilidade”.

Ao acto asistiron, ademais de Xesús Vázquez, o presidente da Asociación de Empresarios do polígono de San Cibrao, José Elías Mera Martínez; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez, e mais a xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego.

Eduemprende

‘Atrévete Ourense’ é unha iniciativa a través da que se organizan visitas guiadas para que os escolares, nesta ocasión de 2º da ESO, coñezan o funcionamento real das empresas. Ademais, os rapaces participantes no programa puideron traballar na aula de emprendemento instalada na sede da asociación, na que recrearon con ordenadores todas as etapas de creación dunha empresa, desde as xestións diante da Axencia Tributaria e as Administracións Públicas ata a propia asociación con outras empresas, así como todas as relativas á relación con provedores, clientes, a posta en marcha de fábricas e puntos de venda, a contratación dos traballadores e as xestións coas entidades bancarias.

A iniciativa enmárcase no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, a través do que as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria buscan inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxectos que contribúan ao avance da nosa sociedade.

Nos tres anos de funcionamento do Eduemprende desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnas e alumnos. Asemade, máis de 2.250 profesores e profesoras participaron en xornadas de formación e na coordinación das distintas actividades.