A Consellería de Cultura e Educación oferta 10 prazas para a integración do profesorado en centros franceses de Amiens

O obxectivo da convocatoria de licencias por formación é a permanente formación do profesorado en linguas estranxeiras no exterior

Sáb, 14/06/2014 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reitera o seu compromiso coa formación do profesorado como garantía para a mellora da calidade do ensino e da excelencia a través da oferta pública de dez prazas para licencias por estudios para o curso 2014-2015 co obxectivo de obter unha permanente formación do profesorado en linguas estranxeiras no exterior.

Esta é a terceira convocatoria que se realiza e está enmarcada dentro das accións promovidas a través do protocolo de cooperación entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Academie d’Amiens para o desenvolvemento dos intercambios escolares e outras accións de cooperación educativa.

Os docentes terán unha integración plena no centro educativo adxudicado en Amiens, Francia, e participarán activamente na vida diaria do centro educativo, nas clases, nas seccións bilingües francés/castelán e nas celebracións e festividades que realice o centro de destino. Deste xeito, o que se procura e o perfeccionamento da lingua francesa e a consecución da cualificación necesaria para promover dun xeito preferente a creación ou a continuación do programa de seccións bilingües ou de centros plurilingües.

O profesorado seleccionado, que poderá ser especialista en francés ou non, debe estar en posesión do nivel B2 na lingua francesa do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) e a súa estadía na rexión de Amiens comezará o 4 de novembro e rematará o 28 do mesmo mes. Segundo a Orde do 12 de maio de 2014, pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2014, os docentes participantes poderán beneficiarse dos reintegros individuais para sufragar o seu desprazamento ata o país de destino.