Cultura e Educación organiza unha xornada de intercambio de experiencias entre o profesorado participante no programa de dinamización lingüística ‘Nós tamén creamos!’

O secretario xeral de Política Lingüística abriu o encontro que se celebrou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública

Docentes do CRA Os Remuíños de Cabana de Bergantiños, do CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada compartiron co resto dos asistentes a análise da súa participación no programa

Sáb, 07/06/2014 - 11:30
 O secretario xeral de Política Lingüística abriu o encontro que se celebrou est
O secretario xeral de Política Lingüística abriu o encontro que se celebrou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, abriu esta mañá en Santiago a xornada de formación do programa audiovisual de dinamización lingüística Nós tamén creamos! deste curso 2013/2014.

García Gómez agradeceu o traballo do profesorado participante neste programa, “que redunda en ben do voso alumnado, a quen lle transmitides o galego dende as aulas dun xeito novo, atractivo e ilusionante”. O secretario xeral lembrou os obxectivos de Nós tamén creamos!: promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega, favorecer o seu uso en novos ámbitos e formatos ou impulsar a innovación no ensino do noso idioma.

Na apertura da xornada, o titular de Política Lingüística estivo acompañado por Marcos López López, de OQO filmes, que colabora coa Consellería no desenvolvemento de Nós tamén creamos!

Unha vez rematada a presentación, tomaron a palabra docentes do CRA Os Remuíños de Cabana de Bergantiños, do CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada para lles presentaren ao resto dos asistentes a súa experiencia ao longo de todo este curso de formación e de traballo: as dificultades e os medios polos que se superaron, as satisfaccións e os resultados do seu esforzo. Tras eles interveu o animador Zé Carlos Pinto, quen compartiu co profesorado trucos e anécdotas do seu oficio.

Un completo programa de dinamización lingüística

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve nas aulas de infantil e de primaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con esta iniciativa colaboran a Compañía de Radio-Televión de Galicia e OQOeditora.

O programa inclúe o asesoramento e a formación presencial e en liña do profesorado para que poida realizar nas aulas, con alumnado de 3 a9 anos, curtas de animación en galego baseadas en textos literarios e elaboradas coa técnica stop-motion. Os docentes que superan todas as actividades de formación e finalizan a película cos nenos e nenas son recoñecidos con 120 horas de formación do profesorado. A xornada celebrada hoxe constitúe a derradeira sesión da actividade formativa.

Ademais, o profesorado que supere a fase de formación, poderá participar nun concurso no que se recoñecerán as mellores curtas elaboradas polos nenos e nenas nas categorías de infantil, primeiro  e segundo ciclo de primaria. Os docentes coautores das curtas gañadoras recibirán un diploma de Premio de innovación educativa.

Todas as curtas de animación elaboradas no marco do programa son difundidas a través da páxina web infantil da Televisión de Galicia.

Catro anos medrando

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, aConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Nesta terceira edición, Nós tamén creamos! pasou a formar parte do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, co que se converteu nun proxecto de centro que permitiu ampliar considerablemente o número de horas de formación que se lle recoñecen ao profesorado e o tempo con que contan os centros para elaboraren as curtas.

Menús News node R