Xesús Vázquez Abad presenta 'Os Bolechas e o Sabichón', o concurso infantil que percorrerá máis de medio cento de localidades de Galicia para dinamizar o galego

‘Os Bolechas falan a nosa lingua propia e con ela son quen de facer case calquera cousa: practicar deportes, descubrir tesouros, celebrar festas, namorarse, explorar... e gañar concursos. Por iso pensamos que o seu exemplo ha descubrirlles aos nenos e nenas a utilidade do idioma e ha animalos a usalo en todo tipo de situacións", explicou o conselleiro
Na presentación desta nova actividade do programa FalaRedes Os Bolechas fixeron as delicias dun cento de escolares que gozaron da visita ao espectacular autobús dos seus personaxes favoritos e concursaron cos irmáns Braulio e Loli
Ven, 06/06/2014 - 12:20
 Xesús Vázquez Abad presenta 'Os Bolechas e o Sabichón', o concurso infantil que
Xesús Vázquez Abad presenta 'Os Bolechas e o Sabichón', o concurso infantil que percorrerá máis de medio cento de localidades de Galicia para dinamizar o galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá na Cidade da Cultura Os Bolechas e o Sabichón, o concurso infantil que ata finais de ano percorrerá máis de medio cento de vilas para dinamizar o galego entre a xente miúda e as súas familias.

Vázquez Abad explicou que se trata dunha nova actividade do programa FalaRedes, que Cultura e Educación leva desde hai tres anos, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aos máis de 150 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. "FalaRedes é unha aposta polos artistas que escollen a nosa lingua como vehículo de traballo e pola dinamización social, por estender a promoción do galego máis alá do ámbito estritamente educativo", destacou.

O conselleiro celebrou que Os Bolechas se sumen á programación do FalaRedes 2014, que desde marzo xa puxo en marcha outras dúas propostas de lecer tamén destinadas á infancia: o exitoso concerto de Pablo Díaz Toc Toc, "co que os nenos e nenas de 21 concellos cantaron, e aínda cantan, en galego", e a obra de teatro As fabas máxicas, "grazas á que a xente miúda se está a achegar á dramaturxia no noso idioma".

"Os Bolechas falan a nosa lingua propia e con ela son quen de facer case calquera cousa: practicar deportes, descubrir tesouros, celebrar festas, namorarse, explorar... e gañar concursos. Por iso pensamos que o seu exemplo ha descubrirlles aos nenos e nenas a utilidade do idioma e ha animalos a usalo en todo tipo de situacións", engadiu Vázquez, que avanzou que pronto se anunciarán dúas novas actividades de dinamización.

No acto, celebrado no Auditorio da Biblioteca de Galicia, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; pola directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e mais polo responsable de Bolanda, empresa xestora da actividade.

Os Bolechas revolucionan a Cidade da Cultura

Como non podía ser doutro xeito, os grandes protagonistas da presentación foron os famosos bonecos creados por Pepe Carreiro, que fixeron as delicias dun cento de escolares composteláns invitados ao evento.

Os seis irmáns Bolechas e a súa mascota Chispa chegaron ao Gaiás no seu espectacular autobús, onde os cativos e cativas puideron gozar de múltiples actividades tanto na ludoteca e zona de lectura da primeira planta do vehículo coma na sala de cine do segundo andar. A maiores desta visita, os escolares e os seus mestres tamén tiveron ocasión de participar no espectáculo do Sabichón, que ata finais de ano visitará 56 vilas galegas.

O concurso, dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos, enfronta os irmáns Braulio Bolechas e Loli Bolechas, que para venceren precisan da axuda da xente miúda asistente, que xunto aos seus personaxes favoritos debe demostrar os seus coñecementos e habilidades lingüísticas para proclamarse gañadores. Poténciase así a identificación da cativada cos protagonistas do espectáculo, todo un referente positivo estreitamente ligado ao galego que nesta ocasión se presentan en forma de monicreques manipulados por actores á vista.

FalaRedes 2014

Precisamente a calidade artística das actividades de FalaRedes, a súa modernidade e o feito de seren tan divertidas contribúe a asociar o idioma en que se desenvolven con valores positivos que axudan a reforzar a súa consideración social, cumprindo así cos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega.

A terceira edición do programa FalaRedes incluirá cinco propostas de dinamización lingüística para todos os públicos, con especial incidencia na infancia e na familia. Así, ata finais de ano FalaRedes 2014 chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) cun total de 150 propostas, reforzando a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local.

Axenda desta fin de semana

O teatro-concurso protagonizado pola familia Bolechas aterrará esta tarde na localidade coruñesa de Teo, ás 18:00 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa, mentres que mañá chegará á de Zas, ás 19:00 horas no Auditorio do Concello. Xa o domingo, será a cativada de Malpica de Bergantiños e Laxe, tamén na provincia da Coruña, a que poderá gozar desta actividade, con funcións ás 12:00 horas no Auditorio do Centro Cívico e ás 18:00 horas no Salón de Actos Municipal, respectivamente.

Pola súa banda, o espectáculo de monicreques As Fabas Máxicas chegará este domingo á vila ourensá de Celanova, que acollerá un pase ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Ilduara coa colaboración da Mancomunidade Terras de Celanova.

Tras as actuacións desta fin de semana, as próximas paradas dos Bolechas e o Sabichón serán nas localidades da Estrada, Bande, Castrelo de Miño, O Carballiño, Padrón, Vilamarín, Ourense, San Cristovo de Cea, Negreira, Cee, Carnota e Muxía, mentres que en xullo revolucionarán a xente miúda de Caldas de Reis, Vila de Cruces, Guntín e Abegondo.

Tamén a proposta de Caramuxo Teatro continuará co seu itinerario polos concellos da RDL, visitando proximamente Tui, Lalín, Ponteceso, A Veiga, Cee e Pontedeume.

Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estas propostas é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Máis información sobre o programa no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.