O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega da primeira edición dos premios ‘CEIP Manuel Sueiro’

No certame puido participar o alumnado de infantil e primaria de toda a provincia, facendo unha adaptación ilustrada en galego da obra ‘Platero y yo’, de Juan Ramón Jiménez

Xov, 05/06/2014 - 17:14
O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega da primeira edición do
O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega da primeira edición dos premios ‘CEIP Manuel Sueiro’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na entrega da primeira edición dos premios ‘CEIP Manuel Sueiro’, un certame de adaptacións ilustradas convocado por este centro educativo ourensán co fin de estimular o hábito lector dos máis novos; un acto no que participaron tamén o  delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego.

O CPI Valle Inclán (Os Muíños) e o Colexio Plurilingüe Luis Vives (Ourense) compartiron o galardón polos seus traballos arredor dunha edición en galego do clásico de Juan Ramón Jiménez ‘Platero y yo’. Ademais, houbo unha mención especial para recoñecer o esforzo do alumnado do Centro de Educación Especial O Pino, tal e como sinalou o conselleiro “deixando patente que desde a  diferenza e a integración todos podemos achegar o noso gran de area”. Os tres centros recibiron unha contía económica que se destinará á adquisición de libros para a biblioteca escolar.

O labor da biblioteca escolar

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o traballo da biblioteca escolar deste centro ao abeiro do Plan de Mellora (PLAMBE), do que forma parte desde o curso 2011/2012. “Día a día traballades nas aulas, desenvolvendo o currículo a través dos documentos que poñedes a disposición de toda a comunidade educativa, fomentando a lectura e o bo uso da información, integrando as TIC e sendo, en fin, un apoio imprescindible de todas e cada unha das áreas. Tedes, pois, unha biblioteca actualizada e dinámica que dá servizo ao centro, estimula a investigación e promove a innovación educativa”, dixo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou este certame como 2un paso máis” no traballo desenvolvido na biblioteca. “Adaptar ‘Platero y yo’,  non era un reto pequeno” dixo, pero o concurso, a través da coñecida figura do burriño,  “espertou a motivación do alumnado ourensán, como leva espertando durante cen anos a tenrura de todos os que un día fomos nenos”. Neste sentido Vázquez Abad felicitou tanto aos alumnos e centros gañadores polos seus traballos e animounos a seguiren escribindo. Así mesmo agradecer ao profesorado e equipos directivos “os seus esforzos e a súa imaxinación para sacar un rendemento extraordinario aos recursos que lles facilitamos desde a administración e garantir a súa eficacia”.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro salientou ademais o investimento de máis de 55.700 euros realizado polo seu departamento neste centro nos últimos anos, grazas ao que se construíu un almacén e se realizaron melloras na rede de saneamento, na instalación de fintanería, nos aseos, e na instalación eléctrica. Tamén ao abeiro desta achega mellorouse o equipamento da biblioteca escolar, no marco do PLAMBE.