O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o novo viveiro de empresa do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e anuncia para este verán obras de mellora que elevarán o investimento no centro a 296.500 euros nos últimos anos
As obras servirán para instalar o cuarto laboratorio de Química, despois que a Consellería implantase por primeira vez esta familia profesional na provincia coa transformación do centro en CIFP
A final de curso a Consellería terá en funcionamento un total de 17 viveiros en centros educativos, unha aposta polo emprego xuvenil apoiando as iniciativas emprendedoras dos titulados en FP, ensinanzas artísticas e deportivas e bacharelato
Xesús Vázquez participou ademais na celebración neste centro do Día Mundial sen Tabaco
Ven, 30/05/2014 - 19:59
O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o novo viveiro de empresa
O conselleiro de Cultura e Educación inaugura o novo viveiro de empresa do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e anuncia para este verán obras de mellora que elevarán o investimento no centro a 296.500 euros nos últimos anos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá o viveiro de empresa do Centro Integrado de Formación Profesional A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense), un dos 8 creados este curso polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Ao final do ano académico serán un total de 17 os centros de ensino que conten con estas instalacións, novas no caso deste centro ourensán, e nos dos CIFP Someso, A Farixa (Ourense), A Xunqueira (Pontevedra), Ferrolterra (Ferrol) e As Mercedes (Lugo), así como nos casos dos IES de Fene e Ricardo Mella (Vigo). Estes centros únense aos que xa formaban parte da rede de viveiros, en concreto o CIFP Ánxel Casal (A Coruña), CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), CIFP Politécnico de Lugo , CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP Portovello (Ourense), CIFP A Granxa (Ponteareas), CIFP Manuel Antonio (Vigo), e IES Luís Seoane (Pontevedra).

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou a súa visita ao centro para anunciar as obras de mellora das súas instalación previstas para este verán, coas que o investimento da Consellería no centro desde 2009 se eleva a 296.500 euros. As obras, que se están xa a proxectar, consistirán nunha adaptación de espazos para trasladar a unha aula en desuso a actual sala de informática. No seu lugar instalarase o cuarto laboratorio de química da Carballeira, despois de que a Consellería convertise este centro no primeiro da provincia en contar con ciclos de FP da familia profesional de Química tras a súa transformación en Centro Integrado no ano 2013. Ademais, desde o 2009 téñense realizado melloras na instalación eléctrica, na rede de datos informática, así como remodelacións de espazos e compra de equipamento para poder mellorar a oferta de ciclos formativos.

Proxectos de empresa

Durante a súa vista ao CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer as iniciativas que se están a desenvolver no seu viveiro, en concreto un proxecto de empresa dedicada principalmente a ofrecer servizos web e soporte informático, levar a cabo proxectos de innovación como fabricación de novas patentes e desenvolvemento de todo tipo de software, tanto aplicacións para dispositivos móbiles como para escritorio; e outro que, baixo o nome de 'Xonxalimentarte', en por obxectivo levar un rigoroso tratamento dietético do seus pacientes, ademais de ensinarlle pautas básicas sobre nutrición para a súa vez facer educación sanitaria neste campo e que cando alcancen o obxectivo da dieta poidan seguir alimentándose correctamente por si mesmos. Son dous os emprendedores que traballan nestes proxectos, titorizados por docentes do centro, que contan ambos cun plan de empresa.

Cómpre salientar que o viveiro supón unha aposta polo emprego xuvenil apoiando as iniciativas emprendedoras dos titulados en FP, ensinanzas artísticas e deportivas e bacharelato. Así, ponse a disposición destas persoas – totalmente de balde- durante dous anos un espazo no que desenvolver o seu proxecto de empresa, así como o apoio e asesoramento do profesorado e doutros emprendedores que xa puxeron en marcha as súas ideas con anterioridade. O viveiro pode ser utilizado tanto polo alumnado do propio centro como por titulados en outros centros educativos que remataran os seus estudos en ensinanzas postobrigatorias nos últimos 4 anos.

A rede de viveiros de empresa forma parte do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, 'eduemprende', o marco de fomento do espírito emprendedor e para a promoción da creación de empresas e a mellora da empregabilidade entre o alumnado dos niveis educativos non universitarios do sistema educativo de Galicia, desenvolvido en colaboración polas consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria.

Neste momento estanse a desenvolver nos viveiros de empresa da rede da Consellería de Cultura e Educación un total de 35 proxectos que implican a 63 emprendedores e 31 docentes.

Días sen fume

O conselleiro participou ademais neste centro no acto Días sen fume, co que se celebrou o Día Mundial sen Tabaco. Durante a súa intervención Vázquez Abad sinalou como “unha responsabilidade educativa compartida por nais, pais e profesorado” o feito de concienciar aos máis novos dos perigos do tabaco. Neste sentido, valorou a experiencia que supón o programa ‘Clases sen fume’, no que este ano participaron 4.157 nenos e nenas de toda Galicia de entre 12 e 14 anos, que traballaron en 182 aulas, de 47 centros educativos, e a través do que “tentamos promocionar a educación en valores cívicos, solidarios e saudables; primordiais para que a nosa sociedade medre en termos de igualdade, civismo e en prácticas beneficiosas para a saúde”.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Proxecta, coordinado pola Consellería de Cultura e Educación, un marco xeral de colaboración no que se integran os proxectos institucionais da Xunta de Galicia vinculados coa educación en prol do fortalecemento dos valores e competencias clave, nun marco de innovación educativa. No actual ano académico foron un total de 7 consellerías e a Presidencia da Xunta as implicadas neste plan, no que participaron máis de 86.000 alumnas e alumnos.

En Días sen fume participaron, entre outros, o delegado da Xunta na provincia, rogelio Martínez; e as xefas territoriais en Ourense das Consellerías de Sanidade, María Villar Suárez; e de Cultura e Educación, Mercedes Gallego.