A Consellería de Cultura e Educación mantén as contías das axudas para a compra de libros de texto, ás que se suma o acceso gratuíto de 2.500 estudantes a materiais dixitais

O departamento educativo da Xunta publica hoxe no DOG a convocatoria de bolsas, dirixidas a facilitar o acceso aos manuais ás familias que máis o necesitan
As axudas irán entre os 90 e os 180 euros, en función da renda e o nivel educativo
Cómpre lembrar que no curso 14/15 se pon en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, que será de acceso gratuíto e que chegará este primeiro ano a 2.500 estudantes de 5º de Primaria
Ven, 30/05/2014 - 10:50
 A Consellería de Cultura e Educación incorpora dez novos espazos ás redes galeg
A Consellería de Cultura e Educación incorpora dez novos espazos ás redes galegas de música ao vivo e de salas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria axudas da para a adquisición de libros de texto en todos os cursos do ensino obrigatorio, a través do que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad continúa un ano máis o seu apoio ás familias galegas para afrontar o inicio de curso.

Froito deste compromiso, o departamento educativo da Xunta de Galicia mantén as contías das axudas, o que constitúe un importante esforzo económico no actual contexto. Así mesmo, os requisitos de renda per cápita familiar – tomando como referencia a do ano 2012- para a obtención das axudas serán os mesmos que nos anos anteriores. Ademais os estudantes de educación especial, así como os que presenten unha discapacidade igual ou superior ao 65%, percibirán axudas de 250 euros, independentemente da renda per cápita.

Como novidade este ano poténciase a formación de bancos de libros establecendo a obriga de incorporar, logo de rematar o curso, os libros adquiridos con cargo á axuda a un fondo solidario que se constituirá nos centros, como medida que favorece o establecemento dun sistema de socialización do seu uso.

Contidos dixitais

Cómpre lembrar, ademais, que este ano se pone en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, gratuítos para as familias e accesibles sen necesidade de conectividade. Así, o alumnado matriculado en 5º de educación primaria dos centros seleccionados para o proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014-2015, convocado mediante resolución do 22 de abril de 2014 (DOG do 30 de abril), non accederá ás axudas, xa que a inclusión neste programa permitiralles ter á súa disposición e de xeito gratuíto unha contorna virtual de aprendizaxe con libros e outros materiais dixitais cos que poderán desenvolver a totalidade do currículo.

A iniciativa, que forma parte do Proxecto Abalar, prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO; e suporá un aforro total de 4,5 millóns de euros

Umbrais e contías iguais que en anos anteriores

O programa de Gratuidade Solidaria para o curso 2014/15 mantén os umbrais da renda das convocatorias anteriores, tomando como referencia a situación persoal e familiar a 31 de decembro de 2012 e o exercicio fiscal 2012 e cunhas contías que posibilita que as familias con menos recursos poidan adquirir os libros.

O importe das axudas por cada alumno/a é o seguinte:

Educación Primaria:

Familias monoparentais:

-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 170 euros

-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros

Resto das familias:
-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros
-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros

Educación Secundaria Obrigatoria:

Familias monoparentais:
-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 180 euros.
-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.

Resto das familias:
-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 180 euros.
-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.

O alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65% que solicite a axuda e cumpra os requisitos da convocatoria percibirá 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Procedemento

O prazo de solicitude será desde o 2 de xuño ata o 2 de xullo para o alumnado de primaria e de educación especial; do 25 de xuño ao 28 de xullo para o da ESO que formalice matrícula no prazo ordinario, e do 2 setembro ao 2 de outubro para os que fagan matrícula extraordinaria. Toda a información e as solicitudes pode atoparse no DOG e no portal educativo da Xunta de Galicia, www.edu.xunta.es.

Ás familias que cumpran cos requisitos para ser beneficiarias da Gratuidade Solidaria entregaráselle nos seus respectivos centros educativos un vale co que se poderán adquirir os libros no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe indicado no documento. Pola súa banda unha vez que os establecementos entreguen os libros deberán presentar as facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación en cada provincia, para que lles sexan ingresados os importes correspondentes aos vales tramitados.