Xesús Vázquez Abad recibe os participantes da visita institucional Galicia-Lituania, que veñen coñecer a formación permanente do profesorado galego

A consellería de Cultura e Educación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) organiza unha visita institucional de persoal de diversos departamentos educativos do Ministerio de Educación e Ciencias de Lituania interesados en coñecer o sistema educativo galego e a reciclaxe dos seus docentes
Mar, 27/05/2014 - 13:23
 Xesús Vázquez Abad recibe os participantes da visita institucional Galicia-Litu
Xesús Vázquez Abad recibe os participantes da visita institucional Galicia-Lituania, que veñen coñecer a formación permanente do profesorado galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá na sala B da área de Educación da Consellería os 14 participantes da visita institucional Galicia-Lithuania.

Persoal do Ministerio de Educación e Ciencias de Lituania está a facer visitas a diversos países para a análise dos seus sistemas educativos e formación do profesorado. En España, a través do Consulado, fixouse Galicia como destino da visita.

A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CAFI, organizou un programa de tres días de duración, que comeza hoxe e rematará o xoves 29 de maio, no que os participantes poderán tomar contacto cos distintos niveis formativos. Visitarán un amplo abano de centros nos que se desenvolven os diferentes graos instrutivos e nos que na medida do posible, contarán con profesores de prácticas para que poidan preguntarlle as súas dúbidas.

Concretamente para a delegación lituana teñen programada a visita ás Facultades de Educación das Universidades de Santiago e Vigo, e aos centros de ensino compostelán: CEIP Pío XII;  IES Xelmírez II e Sar; CIFP Politécnico e a Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. O programa completarase con conferencias, que se impartirán no Centro Autonómico de Formación e Innovación, sobre sistema educativo en Galicia; o acceso a función docente no ensino público e a formación permanente do profesorado. Ademais na visita terán incluídas visitas á Cidade da Cultura e á Catedral de Santiago, así como un percorrido polo casco antigo de Pontevedra.