O conselleiro de Educación participou na entrega os premios da IV edición ‘Rosalía de Castro, para experiencias pedagóxicas’

Xesús Vázquez Abad deu o galardón ‘Follas Novas/Novas Follas’ á rede museística da Deputación Provincia de Lugo

Xov, 15/07/2010 - 20:52

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na entrega dos IV premios ‘Rosalía de Castro, para experiencias pedagóxicas’, un acto enmarcado no 125 aniversario do pasamento da poetisa galega, e que tivo lugar esta tarde na Casa-Museo da Matanza de Rosalía de Castro, en Padrón.

Este ano a rede muesística da Deputación Provincial de Lugo recibiu o primeiro premio ‘Follas Novas/ Novas Follas’, polo labor desenvolvido no ámbito dos museos, familias e centros de ensino. Deste xeito, os centros premiados foron os CPI Doutor López Súarez, do concello de Escarión e o de Friol; e os IES A Pingueira e Sargadelos de Monforte de Lemos e A Mariña respectivamente. A todos eles recoñecéuselles o proxecto desenvolvido a prol de publicitar a obra de Rosalía. Un traballo que logra a lectura da súa obra entre alumnado, profesorado e as familiares.

O segundo premio foi para a unidade didáctica ‘Rosalía Transgresora’ do IES Menéndez Pidal, da Coruña. A eles valoróuselles o carácter innovador do proxecto; que fai unha lectura actual da obra de Rosalía de Castro, e que destaca a loita das mulleres pola igualdade dos seus dereitos.

Por último recoñeceuse, cunha mención especial, a labor levada a cabo pola Unidade Didáctica presentada polo CEIP Gándara- Sofán de Carballo, a prol do emprego das novas tecnoloxías.

As celebracións

Os actos do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, comezaron coa lectura de “Tecín soia a miña tea” por parte da vicepresidenta da Fundación, Ana Blanco. No evento tamén estivo presente a presidenta da entidade, Helena Villar Janeiro.

Tras recoñecer os traballos dos distintos centros fíxose público o quinto número da revista ‘Poetas con Rosalía’, presentada polo profesor Anxo Angeira. Xunto a el estiveron os autores que interviron nesta edición e que deron un recital poético. A xornada concluíu coa actuación musical do grupo Lemaniot.

A difusión do galego a través da figura e da obra de Rosalía

A asistencia de Xesús Vázquez Abad á entrega de premios é unha demostración máis do apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria á Fundación, como xa quedou patente hai unha semana, cando asinou un convenio de colaboración a través do cal ambas as entidades traballarán no desenvolvemento de diversas actividades de dinamización da lingua galega con numerosas accións organizadas pola Fundación.

Entre estas actividades, que xiran arredor da figura e da obra de Rosalía de Castro, cómpre salientar a organización dos actos de hoxe e os do 173 aniversario de Rosalía, o Festival Internacional Palabra no Mundo ou diversos faladoiros de temática rosaliana, entre outros.