A Xunta de Galicia apoia o consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia cunha achega de case 1,5 millóns de euros

Deste xeito facilita o acceso dos profesores, investigadores e do alumnado ás publicacións académicas máis importantes
Xov, 15/07/2010 - 15:46

A Xunta de Galicia demostrou o seu apoio ao Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA), co visto e prace a unha achega de 1.480.000 euros para manter os seus fondos. Deste xeito, as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Economía e Industria, Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Medios, a Sociedade Anónima de Xestión Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e as tres universidades galegas contribúen a mellorar as bibliotecas dos centros universitarios de Galicia, que prestan un importante servizo ao profesorado, aos investigadores e aos alumnos do Sistema Universitario de Galicia.

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA) permite seguir mellorando os recursos electrónicos de información científica para a investigación da comunidade universitaria galega. Ademais supón un importante apoio á introdución das novas tecnoloxías nos servizos bibliotecarios universitarios.

En concreto a achega está destinada a cubrir o custo das subscricións ás principais publicacións académicas máis importantes utilizadas polos investigadores do SUG, polo que se facilita o acceso dos investigadores a elas. Desta forma a Xunta de Galicia demostra o seu compromiso co impulso da calidade do ensino e da investigación universitaria, fundamental para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da nosa Comunidade.