Cultura e Educación presenta en San Petersburgo a tradución ao ruso de ‘Nimbos’, de Xosé María Díaz Castro

Esta presentación encádrase dentro dos actos que organiza o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
O secretario xeral técnico representa a Consellería na homenaxe ao seminario de tradución que coordina a profesora Elena Zernova, directora deste centro adscrito á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia
Mar, 20/05/2014 - 13:50
O secretario xeral técnico representou a Consellería na homenaxe ao seminario de
O secretario xeral técnico representou a Consellería na homenaxe ao seminario de tradución que coordina a profesora Elena Zernova, directora deste centro adscrito á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentará mañá na sede do Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de San Petersburgo a tradución ao ruso de ‘Nimbos’, de Xosé María Díaz Castro, feita por Elena Zernova. Trátase dunha edición promovida pola Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco da ampla programación de actividades conmemorativas que está a impulsar a Xunta de Galicia.

O programa das Xornadas das Letras Galegas en San Petersburgo deu comezo onte á tarde co acto de homenaxe ao equipo de tradución que coordina Elena Zernova, directora do CEG. Nel tomou a palabra o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala, para gabar o labor levado a cabo pola profesora “durante estes 20 anos nos que só o traballo, a sabiduría e a creatividade foron os ingredientes de obras sen parangón para as letras galegas no exterior. Unha traxectoria prolífica na que viron a luz as 19 pezas que integran arestora a Antoloxía da Literatura Galega, un proxecto ousado e admirable, produto dun motor poderoso e imprescindible: o sinceiro amor que a profesora Zernova sente por Galicia”.

No acto participaron tamén, amais de Oitavén Barcala e da directora do CEG, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a presidenta da Universidade Estatal de San Petersburgo; o consejero de Cultura da Embaixada Española; o cónsul; profesorado e alumnado. Abriuse co concerto “Letras Galegas” que ofreceu a Real Banda de Gaitas de Ourense dirixida por Xosé Luís Foxo.

Xornadas Letras Galegas en San Petersburgo

As xornadas continúan esta mañá cun acto no Ermitage e, xa pola tarde, cunha visita institucional ao Centro Adelante -dependente do Instituto Cervantes- na que o secretario xeral técnico acompañará o presidente da RAG na presentación da obra “Castelao na Unión Soviética en 1938”.

Mañá á tarde, a sede do CEG na Facultade de Filoloxía da Universidade de San Petersburgo acollerá a presentación da tradución ao ruso de “Nimbos. A sesión pecharase co relatorio “Os centros de estudos galegos no mundo”, na que Jesús Oitavén Barcala dará conta das liñas de traballo que desenvolven os 36 centros de estudos galegos cos que conta a Administración autonómica en diferentes puntos de Europa e de América.

Proxección exterior da lingua e da cultura galegas

A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.