Cultura e Educación promove a busca de socios e compradores internacionais para os proxectos das produtoras galegas no Marché du Film do Festival de Cannes

Apoia a participación de Abano Producións, Artefacto Producciones, Dragoia Media, Ficción Producciones e Vaca Films no máis importante mercado cinematográfico do mundo, que se está a celebrar no marco do certame internacional de cine

Estas empresas viaxan na procura de distribución exterior, financiamento e/ou coproducións para títulos como ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, ‘O Apóstolo’, ‘Organistrum’, ‘Meñique’, ‘Schimbare’, ‘El niño’ ou ‘Welcome to Harmony’

A consellería organiza esta misión comercial como parte do programa de internacionalización do sector que desenvolve en colaboración co Igape

Xov, 15/05/2014 - 10:40
Cultura e Educación promove a busca de socios e compradores internacionais para
Cultura e Educación promove a busca de socios e compradores internacionais para os proxectos das produtoras galegas no Marché du Film do Festival de Cannes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa xunto ás produtoras Abano Producións, Artefacto Producciones, Dragoia Media, Ficción Producciones e Vaca Films no Marché du Film de Cannes (Francia), onde promove a procura de socios e compradores internacionais para os produtos e proxectos audiovisuais galegos. Considerado o principal mercado cinematográfico do mundo, o encontro desenvólvese deste onte e ata o 23 de maio no marco do Festival Internacional de Cine de Cannes e congrega 20.000 profesionais entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores.

Esta misión comercial e institucional, a quinta a Marché du Film impulsada pola Xunta de Galicia e a segunda organizada a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), encádrase á súa vez no programa de proxección exterior do sector que Cultura e Educación leva a cabo en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Dentro desta mesma liña de internacionalización, o audiovisual galego estivo tamén presente nas últimas edicións doutras destacadas citas a nivel mundial, como o European Film Market de Berlín, MIPTV e MIPCOM de Cannes e Ventana Sur de Bos Aires.

Neste caso, as cinco produtoras integrantes da delegación no Marché du Film contan co apoio institucional, loxístico e económico da Consellería de Cultura na procura de oportunidades de negocio en relación cos seus últimos produtos e proxectos audiovisuais. A meta común é impulsar as vendas e a promoción exterior dos seus filmes, así como a busca de diferentes vías de financiamento e coproducións internacionais.

Producións realizadas e proxectos futuros

Así, Abano Producións viaxa a Cannes con ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, filme para público infantil que se acaba de estrear nas pantallas española, ademais de con dous novos proxectos arredor dos que xa ten concertadas citas con diferentes produtoras e distribuidoras.

Pola súa banda, Artefacto Producciones continúa avanzando na venda internacional da súa premiada película ‘O Apóstolo’, ao tempo que manterá diferentes reunións en relación co financiamento e a coprodución de ‘Organistrum’, o novo proxecto de animación do director Fernando Cortizo. Tamén Ficción Producciones presentará a compradores internacionais un filme de animación, a produción hispano-cubana ‘Meñique’, e abordará igualmente a distribución de ‘Schimbare’, primeira longametraxe do realizador Álex Sampayo, con Luis Zahera e Candela Peña nos papeis protagonistas.

Vaca Films acude ao Marché du Film con tres proxectos en fase de desenvolvemento, así como con dous traballos xa filmados: ‘El niño’, a nova película do director Daniel Monzón interpretada, entre outros, por Luis Tosar, Jesús Castro, Sergi López, Ian McShane, Bárbara Leniie, Eduard Fernández e Jesús Carroza; e ‘Welcome to Harmony’, dirixida por Miguel Ángel Vivas cun reparto internacional encabezado por Matthew Fox. No caso de Dragoia Media, a súa presenza en Cannes céntrase na busca de socios internacionais para a posta en marcha de futuros proxectos.

Últimos acordos en MIPTV

Esta delegación busca repetir os bos resultados obtidos nas últimas misións comerciais organizadas a través da Consellería de Cultura e Educación no ámbito audiovisual. É o caso da participación o pasado mes de abril en MIPTV, onde Filmanova pechou a colaboración coa produtora latinoamericana Argos para a coprodución de contidos de ficción televisiva entre América Latina e Europa, e Portocabo conseguiu un acordo de adaptación para o mercado estadounidense da súa serie ‘Lucy’, dirixida por Jorge Coira. Ademais, as series de Bambú Producciones ‘Gran Hotel’ e ‘Galerías Velvet’ protagonizaron unha presentación exclusiva pola distribuidora internacional Beta Films.

Para o seu traballo no Marché du Film, as cinco compañías alí desprazadas teñen á súa disposición un espazo diferenciado e destinado á difusión do audiovisual galego dentro do pavillón Cinema from Spain, promovido xunto ao Instituto de Comercio Exterior (Icex), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e Catalan Films & TV.

Desde este espazo distribúese tamén diferente material promocional sobre o cinema galego e a súa industria. Neste sentido, destaca a última edición do catálogo ‘Films from Galicia’, que ofrece unha escolma da produción audiovisual galega máis recente, clasificada en longametraxes de ficción, animación, documentais e traballos para televisión. Tamén se difundirá ‘Ways to Film’, publicación concibida como carta de presentación de Galicia como escenario de rodaxe tanto polas súas localizacións, como pola competitividade da súa industria audiovisual.