Cultura e Educación presenta na Fundación Novacaixagalicia de Vigo as funcións de ‘Longa viaxe cara á noite” que o CDG levará a cabo os próximos 22 e 23 de maio

Baixo a dirección de Manuel Guede Oliva, os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións e os vicios
A unidade teatral da Xunta de Galicia achégase con este espectáculo, por vez primeira, á produción dramática norteamericana
Lun, 12/05/2014 - 13:16
 Cultura e Educación presenta na Fundación Novacaixagalicia de Vigo as funcións
Cultura e Educación presenta na Fundación Novacaixagalicia de Vigo as funcións de ‘Longa viaxe cara á noite” que o CDG levará a cabo os próximos 22 e 23 de maio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Vigo na presentación das dúas funcións do espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’ que o Centro Dramático Galego (CDG) levará a cabo no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia da cidade os próximos xoves 22 e venres 23 de maio, ás 20.30 horas.

  O director do CDG, Manuel Guede Oliva, o actor Alberto Rolán e a directora de Contidos Socioculturais da Fundación Novacaixagalicia, María Teresa Cores, compartiron a presentación diante dos medios de comunicación e coincidiron en salientar a importancia que supón, para a cultura teatral galega, o feito de que a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia se achegue á literatura estadounidense e que o faga a través da obra máis relevante dun Premio Nobel, Eugene O’Neill.

Ademais do Nobel de Literatura en 1936,O´Neill foigañador de catro Pulitzer e está considerado o pai do teatro norteamericano moderno. O texto de ‘Longa viaxe cara á noite’ é un dos máis célebres da súa notable produción literaria. É esta a primeira ocasión, nos trinta anos do Centro Dramático Galego, en que a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia se achega á literatura estadounidense.

En ‘Longa viaxe cara á noite’ Manuel Guede Oliva dirixe os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na súa interpretación dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.

Realismo dramático

O’Neill introduciu na escena do seu momento un realismo dramático análogo ao de Anton Chéjov, Henrik Ibsen e August Strindberg. As súas obras adoitan contar con personaxes que habitan as marxes da sociedade e que loitan por manter as súas esperanzas e aspiracións, aínda que, frecuentemente, sucumben ante a frustración e o desespero. O recoñecido dramaturgo exploraba nas partes máis sórdidas da condición humana, indagaba na soidade das persoas, reconciliábase coa dor de vivir e encontraba aí un camiño de expiación persoal e de aceptación. Os seus personaxes están atrapados por un destino común, e nas relacións mutuas, sempre conflitivas, achan o sentido da existencia. Nomes como Tennessee Williams ou Arthur Miller non poderían existir sen o antecedente de O'Neill.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa e cumio de O’Neill, ‘Longa viaxe cara á noite’ foi galardoada co premio Pulitzer póstumo ao ser editada pouco despois do pasamento do seu autor, malia ter indicado que a peza non debía publicarse ata vinte e cinco anos despois da súa morte.

Con elementos da vida do propio O’Neill, a obra narra a crónica dun só día na vida dos Tyrone, unha familia norteamericana quebrada polas frustracións e os vicios: James, un actor de éxito e fortuna, que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción imposible de desarraigar; Jamie, o fillo maior e alcohólico; e Edmund, o alter ego de O’Neill, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

As entradas para os días 22 están á venda a través das canles habituais da entidade, en www.servinova.com, na billeteira telefónica no 902 504 500, nos despachos de billetes da Central de Espectáculos, dos centros da Fundación Novacaixagalicia de Ourense, Santiago e A Coruña e na billeteira do recinto o mesmo día do espectáculo.

Máis información en: www.longaviaxecaraanoite.wordpress.com