Representantes de 7 países europeos visitan a Consellería de Cultura e Educación para coñecer o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Xesús Vázquez Abad recibiu hoxe aos nove expertos, que esta semana percorrerán diferentes centros educativos da comunidade dentro do “Lifelong Learning Programme”
A Consellería xa ten aberto o prazo para que os colexios e institutos galegos soliciten a súa incorporación á quinta fase do Plan
Mar, 06/05/2014 - 13:32
Xesús Vázquez Abad recibiu  hoxe as nove expertos, que esta semana percorrerán d
Xesús Vázquez Abad recibiu hoxe as nove expertos, que esta semana percorrerán diferentes centros educativos da comunidade dentro do “Lifelong Learning Programme

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe aos 9 docentes de 7 países da Unión Europea que dentro do programa Lifelong Learning Programme estarán en Galicia ao longo desta semana para coñecer o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que eles consideran un referente tanto a nivel nacional como europeo.

Deste xeito os profesores, directores e inspectores do campo do ensino das linguas estranxeiras da Unión Europea, realizaran desde este martes e ata o venres a visita de estudos denominada ‘Plurilingualism in the Galician Educational System’, integrada no Programa de Aprendizaxe Permanente do Parlamento e o Consello Europeo, que se desenvolve desde o 2007 ata este curso académico.

Ao longo destes días os participantes no encontro visitarán o CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso, e os IES Virxe do Mar, Xelmírez I e o IES Plurilingüe Rosalía de Castro. En todos os centros celebraranse reunións de traballo co profesorado e intercambios de experiencias sobre a iniciativa galega, así como sobre o tratamento integrado de linguas. Ademais participarán en mesas redondas con profesorado e alumnado.

Programa europeo

Cómpre lembrar que no devandito programa interveñen coordinadores de relacións internacionais, directores de centros, asesores, orientadores pedagóxicos, profesores universitarios, investigadores e profesorado das linguas estranxeiras das nacionalidades polaca, austríaca, sueca, danesa, checa, francesa e británica.

O proxecto está integrado no programa ‘Lifelong Learnig Programme’, coordinado polo European Centre for the Development of Vocational Training (CEDEFOP), e ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento de política de cooperación en materia de aprendizaxe permanente en Europa.

Quinta fase do Plan

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad xa iniciou a quinta fase do Plan, orientado a reforzar o seu compromiso coa capacitación das galegas e galegos nas linguas estranxeiras, competencia que se está a amosar fundamental en eidos como o do acceso ao mercado laboral.

Neste curso 2013/2014 hai 185 centros plurilingües en Galicia,  e 2856 seccións bilingües. Así, só a través destas iniciativas, máis de 72.200 estudantes e profesores participan dun ensino plurilingüe.