A Consellería de Cultura e Educación reúne a expertos internacionais en acoso escolar no curso ‘School Bullying’

Trátase dun proxecto europeo liderado pola Xunta de Galicia en prol do uso das novas tecnoloxías para previr e xestionar a mellora da convivencia nas aulas
Ven, 25/04/2014 - 13:36
 A Consellería de Cultura e Educación reúne a expertos internacionais en acoso e
A Consellería de Cultura e Educación reúne a expertos internacionais en acoso escolar no curso ‘School Bullying’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu esta semana a unha decena de expertos internacionais en acoso escolar no curso ‘School Bullying’(ICT based activities and tools for preventing bullying in secondary education schools), organizado no marco do proxecto europeo Arbax (Against Racial Bullying and Xenophobia- Contra o acoso escolar e a xenofobia), para previr e loitar o acoso a través dun programa informático. A iniciativa está a ser desenvolvida polo departamento educativo da Xunta de Galicia e por entidades  educativas de de Irlanda, Finlandia, e Romanía, a través do programa de Aprendizaxe Permanente e baixo o programa Comenius.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, reuniuse cos asistentes ao curso, especialistas procedentes de Chequia, Irlanda, Letonia, Polonia, Portuga e Reino Unido; aos que agradeceu o seu traballo, “que servirá para avanzar na loita contra a violencia das aulas, unha das liñas prioritarias de actuación da Consellería de Cultura e Educación”. Así mesmo, valorou a internacionalidade do proxecto e a súa aposta por aproveitar a crecente presenza das TIC na sociedade como ferramenta para previr e atallar o acoso escolar, un problema que está a causar unha especial preocupación nos nosos días.

Cómpre lembrar que a Consellería, no marco do seu compromiso coa mellora do clima nas aulas, está a traballar na elaboración do decreto de convivencia escolar polo que se desenvolve a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa; e como continuade ao protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso escolar en Galicia.

Xogo de roles

No curso estúdase o funcionamento da ferramenta informática composta por un videoxogo en 3D e unha rede social Arbax para a loita contra o acoso no ámbito escolar da Unión Europea. Os destinatarios finais do mesmo son os estudantes de secundaria, profesores, persoal escolar e en xeral calquera que teña algún tipo de relación coa comunidade educativa na Unión Europea.

O videoxogo ten como obxectivo que o estudante experimente diversos roles: desde o de acosador ao de acosado, amigo de ambos os dous ou simplemente alguén que presencie algún tipo de situación relacionada co bullying xa sexa verbal, físico, por racismo, violencia; mediante a extorsión ou ciberbullying. Deste xeito o participante pode empatizar con calquera das posicións relativas ao acoso e deste xeito reflexionar sobre as actitudes e actuacións relativas a estas situacións.