Unha nova convocatoria de axudas de Cultura e Educación promove a planificación e a dinamización lingüística no ámbito local

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a orde de subvencións a entidades locais para a promoción do uso da lingua galega no ano 2014

A convocatoria dálles prioridade aos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística e a aqueles que se agrupen para prestaren servizos lingüísticos

Recóllense tres modalidades de axuda, en función de que esta se destine a crear un servizo lingüístico, mantelo ou reforzalo ou ben desenvolver actividades de dinamización nun concello carente de servizo

Lun, 14/04/2014 - 17:55
 Unha nova convocatoria de axudas de Cultura e Educación promove a planificación
Unha nova convocatoria de axudas de Cultura e Educación promove a planificación e a dinamización lingüística no ámbito local

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe a Orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria. A súa finalidade é fomentar a prestación de servizos lingüísticos durante o ano 2014, así como promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega en concellos ou en agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3000 habitantes.

A principal novidade da convocatoria é que se establecen tres modalidades polas que se poderá optar a estas axudas: creación dun servizo lingüístico mediante a contratación de persoal técnico especialista que desenvolva accións de planificación e dinamización, mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico xa creado e desenvolvemento de dinamización lingüística nunha entidade local carente de servizo. Desaparece, pois, a modalidade de “creación dun servizo lingüístico dun agrupamento de concellos”, que si existía en anteriores convocatorias. Ora ben, en calquera das tres modalidades que se manteñen, as entidades locais concorrentes obterán un incremento do 30% na puntuación que se lles outorgará para accederen ás subvencións en caso de presentárense agrupadas con outras. Dáselle así cumprimento ao acordo ratificado polo Consello da Xunta do 28 de febreiro de 2013, polo que se fixaron os criterios que primarían na repartición de subvencións aos concellos, establecendo que en todas as convocatorias públicas de axudas deberían valorarse cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente fronte ás individuais.

Criterios de valoración

Ademais do agrupamento de concellos, primarase a pertenza á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), a colaboración con outras entidades do ámbito local para o obxectivo de promoción do galego ou a incidencia dos programas de dinamización propostos nos ámbitos do deporte, a mocidade, as tecnoloxías da información e da comunicación, a economía e os servizos sociais. Atenderase, así mesmo, ao tamaño e poboación da entidade que opte á axuda. Con estes criterios, establecerase unha puntuación que determinará a contía da subvención en cada caso.

Promoción do galego no ámbito local

A convocatoria de subvencións que hoxe publica o DOG enmárcase nas liñas de actuación que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación para promover o galego desde as entidades locais de Galicia, das que case a metade se atopan integradas na RDL. Esta entidade liderada pola Xunta de Galicia e nacida para coordinar os esforzos a prol da lingua propia que se fan dende as distintas administracións, conta xa con máis de 150 entidades adheridas que aproveitan sinerxías en favor do galego e realizan diversas accións de dinamización conxuntas ao longo do ano.

Menús News node R