A Consellería de Cultura e Educación afonda nos novos retos da Biblioteca Dixital de Galicia a través dunha xornada técnica

Coincidindo co quinto aniversario da incorporación de Galiciana á gran biblioteca dixital europea, a Secretaría Xeral de Cultura analiza os novos retos da difusión, a conservación e o acceso ao patrimonio bibliográfico galego, así como da participación nos proxectos nacionais e internacionais de dixitalización
Mar, 08/04/2014 - 17:24
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo na rolda de prensa
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo na rolda de prensa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou esta mañá unha xornada técnica sobre os novos retos da biblioteca dixital de Galicia, Galiciana, un proxecto que se asume desde a Biblioteca de Galicia e que é o encargado de dixitalizar e visibilizar o patrimonio bibliográfico galego co fin de difundilo, conservalo e incorporalo aos proxectos nacio­nais e internacionais de dixitalización bibliotecaria.

Na apertura da xornada, que se enmarca nos cinco anos de participación de Galiciana en Europeana, o gran portal de acceso ao patrimonio cultural europeo dixitalizado, participaron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou “o labor levado a cabo pola Consellería neste proxecto para difundir, conservar e favorecer o acceso ao patrimonio bibliográfico galego”.

Para seguir avanzando nesta dirección, “a Consellería aposta por reforzar a presenza de Galiciana nos principais proxectos de dixitalización nacionais e internacionais; por facer de Galiciana un directorio de proxectos dixitais en Galicia, que contribúa a un mellor aproveitamento dos recursos dedicados á dixitalización, que evite duplicidades e que favoreza a cooperación entres institucións con fondo de patrimonio bibliográfico de interese para Galicia; por dar a coñecer entre a comunidade educativa este proxecto, coa axuda das bibliotecas escolares, e por iniciar o proceso de integración do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museográfico galego”, afirmou o secretario xeral no acto de apertura da xornada, que tivo lugar na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Programa

Para reflexionar sobre os novos retos da participación de Galiciana en Europeana e para afondar no achegamento a proxectos desenvolvidos por outras institucións, a xornada contou coas intervencións de Daniel Buján e Noelia Bascuas, xefe de servizo e técnica de bibliotecas da Biblioteca de Galicia, respectivamente, que abordaron os antecedentes de Galiciana e o desenvolvemento do proxecto nos seus cinco anos de andaina.

Tamén interviu a responsable de Hispana, María Luisa Martínez-Conde, que explicou os procesos de dixitalización impulsados durante os últimos anos pola Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Educación. A encargada de analizar a participación española en Europeana, a través das súas distintas coleccións e respositorios dixitais, foi Francisca Hernández, consultora de Digibis Producciones Digitales, mentres que o subdirector de Tecnoloxía e Innovación Bibliotecaria da Universidade Complutense de Madrid repasou a participación deste centro no proxecto Europeana Libraries, xunto con outras 18 bibliotecas universitaria e de investigación de 12 países europeos.

Finalmente, a xornada contou coas intervencións de Antonio Varela e Miguel Pereira, xefe dos servizos de Novas Tecnoloxías e de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, respectivamente, que abordaron a actividade de dixitalización desenvolvida pola institución provincial e que pretende a integración dos seus arquivos, das súas bibliotecas e dos seus museos.

A biblioteca dixital de Galicia

Desde a súa posta en marcha, a colección dixital de Galiciana foi medrando, tanto no número de obxectos dixitais como no de institucións que colaboraron neste proxecto, e constitúe un dos maiores provedores de datos ao agregador nacional Hispana. Actualmente Galiciana ten ao dispor da cidadanía preto de 5.000 rexistros bi­bliográficos e de 150.000 grupos multimedia, grazas ás achegas de obxectos dixitais feitas pola propia Biblioteca de Galicia, así como tamén á cooperación de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol ou a Fundación Eugenio Granell, e, máis recentemente, o Seminario Santa Catalina de Mondoñedo e a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

Para incrementar a proxección destes contidos, a Biblioteca de Galicia comezou recentemente o desenvolvemento de micrositios en internet que permiten mellorar a di­fusión de documentos de especial relevancia para a investigación social sobre Galicia. Así mesmo, procedeuse á adaptación do repo­sitorio dixital ás novas estruturas de datos da Europeana Data Model, que permitirá no futuro integrar en Galiciana tanto bibliotecas como arquivos, museos e coleccións audiovisuais.

Novas funcionalidades e novos contidos

Galiciana, que está accesible en www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es, incorporou nos últimos meses novos procedementos para enriquecer as súas utilidades e a información que ofrece, un labor que veu acompañado tamén da integración de novos obxectos dixitais. Desde comezos de 2014, puxo en acceso novos números que permiten completar a colección do Boletín Oficial da Provincia da Coruña. En total atópanse accesibles aos usuarios 622 números desta publicación, que abarcan desde os anos 1837 a 1946.

Tamén se incorporou recentemente unha nova cabeceira de prensa dixitalizada, resultado da colaboración coa Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense. Trátase da publicación La Zarpa, impulsada polo destacado agrarista Basilio Álvarez. Actualmente pódense consultar 1.317 números, que van desde o primeiro, publicado o 27 de xullo de 1921, ata o 31 de decembro de 1924. Pódense ver tamén todos os números publicados durante 1934 e está previsto poder poñer a disposición dos usuarios proximamente o resto dos anos ata completar a colección.