A Consellería de Cultura e Educación programa no Salón Teatro de Santiago dúas funcións do espectáculo do Centro Coreográfico Galego ‘Full House’

A compañía pública exhibirá esta nova creación de danza contemporánea en Compostela o luns 7 e o martes 8 ás 20:30 horas, despois da súa estrea na Coruña e do seu paso mañá domingo día 6 polo Auditorio Municipal de Cangas

A peza foi deseñada especificamente polo sueco Johan Inger, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet

O programa complétase coa reposición de ‘Magnificat’, obra do repertorio do CCG que fora creada polo francés Amaury Lebrun en 2011

Sáb, 05/04/2014 - 11:00
A Consellería de Cultura e Educación programa no Salón Teatro de Santiago dúas f
A Consellería de Cultura e Educación programa no Salón Teatro de Santiago dúas funcións do espectáculo do Centro Coreográfico Galego ‘Full House’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este luns 7 de abril e o martes día 8 dúas funcións no Salón Teatro de Santiago de Compostela do espectáculo ‘Full House’, a última produción de danza contemporánea do Centro Coreográfico Galego (CCG) creada por Johan Inger.

As representacións, que darán comezo ás 20:30 horas, forman parte da xira que durante este mes levará a cabo a compañía pública con esta peza, destinada á difusión da danza contemporánea en Galicia, e que chega a Compostela despois da súa estrea na Coruña e da actuación que terá lugar mañá domingo día 6 no Auditorio Municipal de Cangas de Morrazo.

‘Full House’, ideada especificamente por Inger para o CCG, constitúe o primeiro traballo en Galicia deste prestixioso creador de nacionalidade sueca, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.

Con doce bailaríns

O corpo de baile do CCG, que na actual temporada integran os doce bailaríns e bailarinas Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro, executa  durante os 30 minutos de duración da peza un traballo introspectivo realizado coa base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix.   

A interpretación de ‘Full House’ vai precedida da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do espectáculo 3DTres, no que recreaba un mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.  

As entradas para ‘Full House’ en Santiago poden adquirirse na billeteira do propio Salón Teatro (Rúa Nova, 34), aberta desde dúas horas antes de cada función. Tamén están á venda de xeito anticipado na billeteira do Teatro Principal (Rúa Nova, 21) de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas; a través da venda electrónica na web http://entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 43 44 43.

Repertorio internacional

Con ‘Full House’ o CCG súmase ao conxunto das destacadas compañías de todo o mundo que incorporan ao seu repertorio as pezas deste coreógrafo sueco, que estreou para o NDT2 o pasado 6 de marzo ‘B.R.I.S.A.’, a última montaxe de Inger, na actualidade de xira por toda Holanda. Tamén a Compañía Nacional de Danza levou a escena en 2012 ‘Walking Mad’, outra das súas exitosas coreografías que xa estreara en 2001 o Nederlans Dans Theater xunto ao Lucent Danstheater da Haia.

Nacido en Estocolmo en 1967, Johan Inger debutou como coreógrafo en 1995 coa premiada ‘Mellantid’, tamén para o NDT2, sobresaíndo axiña como un creador inventivo e cun amplo espectro estilístico que vai do cómico e teatral ao terreal e orgánico. Tras exercer como director artístico do Cullberg Ballet sueco entre os anos 2003 e 2008, en 2009 incorpórase ao equipo de colaboradores do Nederlands Dans Theater como coreógrafo asociado, labor que compaxina coa súa carreira como creador independente.

Como bailarín desenvolveu boa parte da súa traxectoria no Ballet Real de Suecia e no NDT1, onde chegou en 1990 atraído polo traballo do coreógrafo Jiří Kylián e onde durante doce anos foi un dos seus bailaríns de referencia.