O conselleiro de Cultura e Educación salienta o concurso de relatos do CIFP A Farixa como unha ponte de comunicación entre a comunidade educativa

O Centro Integrado de Formación Profesional recibiu para este certame 858 relatos de autores de 17 países

Mér, 02/04/2014 - 14:05
Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na entrega de premios do Concurso de Re
Xesús Vázquez Abad participou esta mañá na entrega de premios do Concurso de Relatos A Farixa 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na entrega de premios do Concurso de Relatos A Farixa 2014, no que participaron 858 relatos de autores de 17 países diferentes. Na súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que “a educación xurdiu como necesidade da comunidade de transmitir a cultura, permitindo a súa evolución e a propia existencia do grupo”. “Neste certame - salientou- temos un perfecto exemplo de que esa cultura é un elemento de convivencia harmónica, unha ponte de comunicación entre a comunidade educativa”.

Neste sentido, o conselleiro felicitou aos gañadores do certame, e ao CIFP A Farixa, “un centro que imparte ensinanzas técnicas que, como entidade organizadora deste certame, converte a nosa querida Cidade das Burgas nun foco de interese cultural de primeira orde”. 

Os galardoados foron, co primeiro premio, Eugenio Fernández Murias (Santa Cruz de Tenerife), polo relato ‘Nómadas en la carretera’; co segundo premio Paloma Villar Uribarri (Madrid), por ‘El milagro del abuelo’; e, no terceiro lugar Luis Miguel Sánchez Tostado (Jaén), por ‘El desenlace’. Os dous accésit foron para Mª Ramona Gómez Iglesias (Ourense), por ‘Del escritor que se hizo rabia’; e Alejandro Domingo Bazán (Granada), ‘La noria’. Así mesmo, entregáronse os premios do certame de Foto-relatos ‘Camiñando a natureza’, convocado para o alumnado do centro. Neste caso o primeiro premio foi para ‘Canóns do Sil’, de Juan Carlos Arias Valdés; o segundo para ‘Alegoría da neve’, de Alfonso Pérez Lorenzo; e o terceiro foi para ‘Manumisión’, de MArisol Amoeiro.

O certame literario do centro Integrado de Formación Profesional A Farixa foi impulsado desde a biblioteca do centro, un feito especialmente salientable ao tratarse dun centro de FP, e que é unha clara mostra do importante labor de estímulo que se está a desenvolver desde estes espazos ao abeiro do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares. A edición deste ano estivo aberta a relatos en galego e en castelán, de tema libre, sen límite de idade dos participantes e cunha extensión máxima de 5 folios. Ademais, apra facilitar a participación, habilitouse un formulario de envío para os textos desde a propia web do CIFP.

Ao acto, ademais do conselleiro, asistiron o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego.

Viveiro de empresa

Durante a súa visita ao centro o conselleiro amosou ao director da Farixa, José Miguel Reza, o seu interese polo funcionamento do viveiro de empresa que se abriu neste CIFP A Farixa o pasado mes de xaneiro, un espazo para que os titulados de FP e de todas as ensinanzas postobrigatorias poidan comezar a materializar, recibindo ademais asesoramento gratuíto, para a posta en marcha dos seus proxectos de empresa.

Neste sentido o director do centro salientou o impulso ao emprendedurismo entre os máis novos que o viveiro está a supoñer. De feito, no viveiro do CIFP A Farixa xa se asesoraron 4 proxectos, 3 dos cales están xa case listos para comezar a traballar na posta en marcha da empresa, en concreto unha cooperativa de audiovisuais, un proxecto de cartografía e topografía – cunha participación de 4 persoas-, e un terceiro de orientación a persoas maiores (que podería implicar a ata 6 persoas).