O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Javier Sensat

No colexio vigués estudan 215 alumnas e alumnos

Mar, 01/04/2014 - 12:55
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Javier Sensat
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Javier Sensat

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP Javier Sensat, en Vigo, onde coñeceu as necesidades da súa comunidade educativa. Acompañado polo director do centro, Jesús Núñez; e polo xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares; o titular do departamento educativo percorreu as instalacións deste centro, que vén de renovar o seu peche perimetral. Así mesmo, interesouse pola integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no centro, a través da aula dixital que funciona no mesmo desde o ano 2011.

Asemade, Xesús Vázquez visitou a biblioteca escolar do CEIP Javier Sensat e animou aos docentes a continuar coas actividades que veñen desenvolvendo para estimular o uso da biblioteca por parte dos 215 alumnas e alumnos do centro como fonte de recursos para completar o currículo das materias, ademais de como espazo para mellorar a súa alfabetización dixital. Neste sentido, gabou tamén o papel das bibliotecas escolares na mellora das competencias do alumnado.