Cultura e Educación apoia a proxección exterior do sector editorial co catálogo das obras infantís e xuvenís de Galicia 2014

A publicación, promovida en colaboración con Gálix, inclúe información en galego, inglés e castelán de preto de 150 títulos para o público lector máis novo
Dar a coñecer o traballo dos editores, ilustradores e escritores galegos para favorecer o comercio exterior é o obxectivo da obra, que foi presentada hoxe por Anxo Lorenzo e Francisco Castro na véspera do Día da Literatura Infantil e Xuvenil
Para celebrar esta data, a Consellería programa nas bibliotecas nodais de Galicia diversas actividades dirixidas a fomentar a lectura entre as primeiras idades
Mar, 01/04/2014 - 12:52
Cultura e Educación apoia a proxección exterior do sector editorial co catálogo
Cultura e Educación apoia a proxección exterior do sector editorial co catálogo das obras infantís e xuvenís de Galicia 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix), promove a proxección exterior do sector editorial galego cunha nova edición do catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, que reúne a produción editorial máis recente para o público lector máis novo.

A publicación de 2014 inclúe un total de 148 títulos, dos que se ofrece información en galego, inglés e castelán. O obxectivo principal da obra é facilitar as relacións no ámbito galego e internacional dos axentes da industria do libro e a súa difusión está enfocada principalmente á Feira do Libro e Infantil e Xuvenil de Boloña, o referente profesional a nivel internacional da edición infantil e xuvenil, onde foi distribuída o pasado mes de marzo. Así o explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do catálogo, que tivo lugar esta mañá na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na véspera do Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil.

Profesionalidade e alta calidade das propostas

Acompañado polo presidente de Gálix, Francisco Castro, e pola directora da biblioteca, Inmaculada Serrano, o secretario xeral de Cultura destacou o interese do catálogo para que os editores, ilustradores e escritores que traballan para públicos infantís e xuvenís poidan dar a coñecer as súas obras en Galicia e, principalmente, no exterior, para favorecer a súa colocación no mercado internacional. Tamén puxo en valor a profesionalidade do sector e a alta calidade da súas propostas, que dotan de fortaleza e competitividade a industria editorial de Galicia.

‘Galician Books for Children and Young Adults’ é o título en inglés deste catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, no que se amosan os títulos máis recentes de editoriais como Baía Edicións, Editorial Bululú, Demo Editorial, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Everest Galicia, Edicións Fervenza, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editoa, Novagalicia Edicións, Ouvirmos, OQO editora, Edicións Xerais e Urco Editora, entre outras.

Coa intención de lle dar a máxima difusión, ademais da súa distribución en papel nas principais feiras internacionais do libro, o catálogo estará accesible na súa versión dixital na páxina web de Cultura, que se pode consultar en cultura.xunta.es. Tanto coa edición deste catálogo como co acompañamento institucional nos eventos culturais arredor do libro máis relevantes no ámbito internacional, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é facilitar a difusión e favorecer o contacto coa produción galega e os seus creadores.

Actividades para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil

A presentación do catálogo coa produción editorial máis recente para os lectores máis novos enmarcouse na véspera do Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, que se celebra cada ano o 2 de abril, coincidindo co aniversario do nacemento de Christian Andersen. Para conmemorar esta data,a Consellería de Cultura e Educación programa nas bibliotecas nodais de toda Galicia diversas actividades.

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela congregará mañá, ás 12:00 horas, alumnos e alumnas de 2º curso de primaria do CEIP López Ferreiro, que lle darán lectura ao manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, escrito este ano pola autora irlandesa Siobhán Parkinson. A continuación, celebrarase un maratón de lectura no que nenos e nenas de 5º curso deste mesmo centro lerán fragmentos do libro 'Lúa de Senegal', de Agustín Fernández Paz, para festexar o lema deste ano, “Imaxina os países a través da historia”.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase na sala infantil o obradoiro de creación literaria 'A biblioteca imaxinaria', a cargo de Teatro Buratini, dirixido a nenos e nenas a partir dos 6 anos, e con inscrición previa. Para completar as actividades destinadas aos máis pequenos, todos aqueles que se acheguen á sala infantil desde o 1 ao 6 de abril poderán desfrutar dunha mostra bibliográfica dedicada a Hans Christian Andersen.

Contacontos e mostras bibliográficas

Os que visiten a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra do 2 ao 30 de abril tamén se poderán achegar ao “mundo de Andersen” a través dunha selección bibliográfica dos contos do escritor. Ademais, a biblioteca agasallará cun marcapáxinas cada préstamo que se realice o 2 de abril e para o venres día 4 programa a lectura do manifesto do Día do Libro Infantil e Xuvenil, xunto coa sesión de contacontos ‘A princesa e o chícharo’, que terá lugar ás 18:00 horas a cargo de Bea Campos.

A biblioteca nodal de Ourense tamén programará todos os martes de abril, ás 18:30 horas, a sesión de contacontos ‘Contiños con Susana’, para lles achegar a lectura a rapaces de 4 a 7 anos, mentres que a biblioteca de Lugo, ademais da lectura do manifesto, o día 2, ás 18:00 horas, ofrecerá o día 4 o espectáculo  ‘Andersen’, no que Fabiana Gastaldellose achegará algúns dos contos do autor cunha proposta orixinal para todos os públicos. A actividade será as 18:00 h.

Outras das iniciativas para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil son as que ofrece a Biblioteca Juan Compañel de Vigo, que, ademais da lectura do manifesto arredor desta data, expón a mostra bibliográfica ‘Cóntame un conto de Andersen’, ata o 5 de abril. A biblioteca de Vigo tamén programa a actividade ‘A volta ao mundo en oito máquinas', ás 18:30 horas, na que nenos e nenas a partir de 3 anos poderán gozar cunha narración oral e musicada sobre unha viaxe arredor do mundo, en homenaxe a autores como Julio Verne, The Beatles ou Marilar Alexandre. Ademais, o 5 de abril terá lugar a actividade ‘Aventuras na cociña’, de Trinketrinke Teatro, ás 12:00 horas e para nenos e nenas a partir de 3 anos. Un obradoiro de banda deseña, os días 5, 12 e 26 de abril, para rapaces de 10 anos en diante, e a actividade de narración oral ‘Soñei que era unha árbore', que terá lugar o 10 de abril a cargo de Avoa Youja para nenos e nenas ata 3 anos, completan a programación da biblioteca.

Finalmente, os que se acheguen á Biblioteca González Garcés da Coruña poderán participar na liberación de libros infantís e xuvenís a través dunha actividade de bookcrossing e xogar á Pita Cega cos libros de Andersen. O sábado 5 de abril, ás 12:00 horas, a biblioteca tamén programa a sesión de contacontos ‘Andersen!’ para achegarlles o mundo da lectura aos máis pequenos.