A Consellería de Educación destina máis de un millón de euros a melloras nos centros educativos da comarca de Lemos

Así o comunicou o conselleiro de Educación, na visita en Pantón á pista cuberta de xogos do CEIP Monte Baliño
Lun, 05/07/2010 - 14:10
O conselleiro Jesús Vázquez durante o percorrido polas novas instalacións
O conselleiro Jesús Vázquez durante o percorrido polas novas instalacións

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a dar resposta ás necesidades educativas da comarca de Lemos (Lugo), polas que se invisten máis de 1 millón de euros en distintas obras de reforma e mellora en centros escolares.

Así o explicou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, que visitou hoxe a nova pista cuberta exterior de xogos do CEIP Monte Baliño, no municipio lucense de Pantón. Nesta instalación deportiva, de case 800 metros cadrados, a Consellería investiu 160.000 euros, cos que se realizou a cubrición da pista. Desta forma, os escolares poderán gozar deste espazo de recreo tanto no verán coma no inverno, evitando as molestias producidas pola meteoroloxía.

Durante o acto, Vázquez Abad deu conta dos investimentos que a Consellería está a realizar na comarca de Lemos en materia de obras en centros educativos. Así, anunciou a próxima substitución da caldeira do IES A Pinguela, en Monforte de Lemos, e a reforma das instalacións do IES Río Cabe, da mesma localidade, que a Xunta de Galicia está a realizar por un importe de máis de 775.000 euros.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que xa están en execución as obras de remodelación dos aseos do monfortino CEIP A Gándara, por un importe superior aos 43.000 euros; e que este mesmo verán van dar comezo os traballos de adecuación do patio de Infantil  e do escenario da aula polivalente do CEIP Virxe do Carme, no concello de Sober. Neste centro mudarase tamén parte do equipamento do ximnasio, obras todas que suporán un investimento de arredor de 20.000 euros.

Por outra banda, o conselleiro anunciou que se prevé a realización de obras no CEIP de Monforte de Lemos por importe de 20.000 euros.

Ademais, cinco centros educativos da comarca participarán o vindeiro curso no proxecto ABALAR, de implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no sistema de ensino. En total, serán máis de 150 alumnas e alumnos os que grazas a esta iniciativa disporán de cadanseu ordenador ultraportátil no CEIP A Gándara e no CEIP de Monforte de Lemos; e nos IES A Pinguela, Francisco Daviña Rey e Río Cabe.

Melloras xa rematadas

Respecto das melloras xa rematadas, Vázquez Abad destacou os traballos de ampliación do comedor do CEIP de Monforte de Lemos. Por outra banda, o titular de Educación lembrou que a Consellería deu resposta no menor tempo posible ás necesidades derivadas dos desperfectos ocasionados polo temporal Xynthia na cuberta do CEIP Virxe do Carme, en Sober. Grazas á rápida actuación da Administración galega, os escolares non viron apenas afectado o desenvolvemento normal do curso como consecuencia deste fenómeno meteorolóxico.

Todos estas actuacións, explicou Vázquez Abad, demostran o compromiso da Consellería co benestar da comunidade educativa dos concellos desta comarca do interior de Lugo, así como coa súa seguridade no día a día do calendario escolar.

O conselleiro de Educación estivo acompañado na visita polo xefe territorial de Educación na provincia de Lugo, José Jesús Ramos Ledo; e polo alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco; así como polo equipo directivo do centro.