A Consellería de Cultura e Educación e a Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña formalizan a súa colaboración en materia de FP Dual

O convenio asinado hoxe establece a posta en marcha nesta modalidade do ciclo medio en Electromecánica de Vehículos Automóbiles no CIFP Politécnico de Santiago para 15 alumnas e alumnos
Lun, 31/03/2014 - 14:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinou un conven
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinou un convenio para a posta en marcha dun proxecto de FP Dual coa Asociación de Talleres de Vehículos da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña (APTCOR), asinaron hoxe un convenio para a posta en marcha dun novo proxecto de formación profesional dual, o oitavo que desenvolverá o departamento educativo da Xunta de Galicia, tras os asinados con Coremain, UNVI, Repsol, FEPROHOS – dous convenios-, FINSA/FORESA e Bosch. Neste caso o proxecto refírese ao ciclo de grao medio en Electromecánica de Vehículos Automóbiles, que se ofertará para 15 alumnas e alumnos no CIFP Politécnico de Santiago, e se impartirá durante os cursos 2014/2015, 2015/2016 e 2016/2017.

Desta forma a Consellería de Cultura e Educación continúa a ampliar a oferta de FP Dual, en prol dunha formación de calidade na que, coa axuda das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxine o seu período de estudos con actividade profesional propia da empresa nunha situación real, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes de acordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.

De feito, o valor diferencial da FP Dual radica na combinación de formación curricular con actividade profesional remunerada na empresa (arredor do 59 % dos 3 cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolveranse no CIFP Politécnico de Santiago, así como nas instalacións dos talleres asociados a APTCOR.

Ao acto, ademais dos asinantes, asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández.

Desenvolvemento do proxecto

O proxecto no ciclo superior de Administración e finanzas terá unha duración de 4.721 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 1.941 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.058 horas impartiranse no CIFP Politécnico de Santiago e as outras 532 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 351 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 2.780 horas de actividade profesionalizadora propia da empresa. Neste tempo o alumnado percibirá unha remuneración a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo de actividade profesional na empresa do estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Politécnico de Santiago designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do o CIFP Politécnico de Santiago e de APTCOR.