Cultura e Educación organiza en San Simón unha nova edición de #NeThinking coa incorporación de destacados comunicadores en internet e redes sociais

A Consellería promove este encontro, que celebra a súa cuarta edición o 25 e 26 de abril convertido en referente dos eventos sobre os contidos e os mercados dixitais
Ao equipo de expertos en comunicación, redes sociais, educación ou mercado dixital sumaranse este ano novas incorporacións como a do publicista e comunicador Risto Mejide ou o presidente da Fundeu, Joaquín Müller
San Simón abrirase de novo á participación virtual a través de streaming e Twitter, medios nos que obtivo unha grande notoriedade, con máis de 6 millóns de impactos e dous trendings topic en Twitter e seguimento en máis de 30 países
Dom, 30/03/2014 - 10:00
 Cultura e Educación organiza en San Simón unha nova edición de #NeThinking coa
Cultura e Educación organiza en San Simón unha nova edición de #NeThinking coa incorporación de destacados comunicadores en internet e redes sociais

A Illa de San Simón acollerá os días 25 e 26 do vindeiro mes de abril #NeThinking2014, un encontro organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que celebra a súa cuarta edición convertido nun referente a nivel estatal dos eventos vinculados aos modos de comunicar en internet e redes sociais.

Ao equipo formado por artistas, creadores, referentes da blogosfera, consultores e xornalistas que veñen participando neste singular foro sumaranse este ano o publicista e comunicador Risto Mejide, o director xeral da Fundación del Español Urgente (Fundeu), Joaquín Müller, e os profesores Miguel Ángel López, “Hematocrítico” e Joaquín Rodríguez. No marco de #NeThinking2014 compartirán as súas impresións con expertos como Ismael El-Qudsi, Mario Tascón ou Javier Celaya, xornalistas e creadores como Raquel Martos ou Julián Hernández e expertos en medios dixitais como Marilín Gonzalo ou Eduardo Arcos.

O singular formato de #NeThinking permitirá retransmitir o foro en directo por streaming, cun activo seguimento en Twitter. En edicións anteriortes este evento acadou máis de seis millóns de impacto, foi trending topic en varias ocasións e seguido por internautas de máis de trinta países.

Temáticas principais

Nesta edición as temáticas principais estarán vinculadas a aspectos como os novos medios de comunicación, a Lei de propiedade intelectual, o emprendemento ou a chamada internet das cousas. Como nas edicións anteriores, as xornadas serán abertas e dinámicas, con participación libre de todos os integrantes do foro, aos que os internautas lles poderán formular preguntas en directo e compartir as súas reflexións sobre o presente e o futuro dun mundo en permanente revolución.

#NeThinking naceu co obxectivo de debater no arquipélago da ría de Vigo cun sistema innovador de concepción de congreso enfocado á máxima participación. O foro consolidou nas edicións anteriores a súa notoriedade en internet e concretamente nas redes sociais, o seu medio natural dada a temática, xerando grandes ideas en sesións dinámicas grazas ás achegas dos participantes.

No encontro de 2013 participaron arredor de 15 expertos en contidos e posicionamento en redes sociais e en comunicación en internet, así como artistas, escritores ou xornalistas cunha actividade destacada na rede, como Yoani Sánchez, blogueira cubana cunha enorme notoriedade en toda Latinoamérica e no ámbito mundial, autora do blog Generación Y, que recibiu en 2008 o Premio Ortega y Gasset de xornalismo; o fundador e director de Weblogs, Julio Alonso; o fundador de Hipertextual, Eduardo Arcos; o responsable de redes sociais de ‘La Voz de Galicia’, Nacho de la Fuente; o xornalista especializado en tecnoloxía, medios e sociedade, Antonio Delgado; e o director executivo de Internet República, Ismael El-Qudsi, entre outros.