Cultura e Educación destina 60.000 euros para a celebración da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2014

No marco do Día Internacional do Teatro, o conselleiro Xesús Vázquez Abad e o alcalde de Ribadavia Marcos Blanco asinaron un acordo para a organización do MIT no mes de xullo

Segundo o titular do departamento, “dende o seu nacemento en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente, a Mostra foi adquirindo en cada edición unha maior envergadura ata se converter nunha cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados do teatro galego”

Xov, 27/03/2014 - 18:08
 Cultura e Educación destina 60.000 euros para a celebración da Mostra Internaci
Cultura e Educación destina 60.000 euros para a celebración da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe co alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, un convenio de colaboración para a celebración da edición 2014 da Mostra Internacional de Teatro (MIT) na vila ourensán. Segundo o acordo subscrito hoxe na Cidade da Cultura, a Consellería destinará 60.000 euros para a organización da trixésima edición deste festival de teatro, unha achega que supón un 34% máis do destinado a este certame no ano anterior.

Vázquez Abad explicou que o Goberno galego programou a formalización deste acordo na mesma data que celebramos o Día Mundial do Teatro “pola relevancia e transcendencia do MIT, un festival que dende o seu nacemento en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente foi adquirindo en cada edición unha maior envergadura ata se converter nunha cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados do teatro galego”. Tamén recordou que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia foi recoñecida pola Xunta de Galicia co premio da Cultura Galega 2013.

En declaracións do conselleiro, Ribadavia e a xeración de autores e intérpretes que se forxaron na pasada década dos 70 arredor da súa Mostra de Teatro, “conforman un patrimonio cultural de primeira orde, do que aínda beben hoxe en día cantos se dedican en Galicia á profesión teatral”. “Ademais, o Concello de Ribadavia soubo manter acendida esa chama en todas as edicións deste encontro teatral que reúne cada finais de xullo unha representación do máis interesante e recoñecido da escena nacional e internacional para levar a cabo unha grande festa cultural”, engadiu. 

Por último, o conselleiro, no marco da Celebración do Día Mundial do Teatro, animou a toda a cidadanía a que se sume a esta celebración “referendando desde os patios de butacas o traballo que os profesionais galegos realizan sobre as táboas”, e recordou que para contribuír a este obxectivo, “a Consellería de Cultura e Educación pon a disposición practicamente todos os días do ano unha programación continuada polos principais escenarios galegos”. Neste sentido, recordou que a Axencia Galegas das Industrias Culturais, en colaboración cos concellos galegos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios e á Rede Galega de Salas, organiza entre xaneiro e xuño de 2014 un total de 305 funcións a cargo dun centenar de compañías de distintas disciplinas escénicas.

Na sinatura deste acordo tamén estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen ademais asistirá á gala de entrega dos XVIII Premios de Teatro María Casares para estar a carón dos profesionais das artes escénicas nesta celebración.